Home » Exposicións » AMPARO E A SÚA AMIGA ESPE

AMPARO E A SÚA AMIGA ESPE

Exposición: Amparo e a súa amiga Espe

5 maio, 2022 – 2023
Sala Amparo. Segunda planta.

Traballar nesta exposición foi divertido e interesante.

Hai pouco tempo recibín o estudo Recortes de una vida. Amparo Segarra Vicente, escrito por Esperanza Durán Delgado para o seu mestrado universitario na Universidade Miguel Hernández. Esta universidade, se non me equivoco, está en Elx, na Comunidade de Valencia, e leva o nome dun poeta que morreu moi novo. A miña nai, Amparo Segarra, era valenciana, do que se sentía moi orgullosa. Tamén confeso que as visitas á casa dos meus tíos e das miñas curmás eran sempre agradables e amenas. Os maridos das miñas primas son persoas divertidas.

Amparo Segarra está a recibir pouco a pouco o recoñecemento que merece. Será certo que Amparo, segundo se pregunta Espe, “viviu á sombra da súa parella?” En efecto, así foi. O tipo de persoa que era miña nai permitiu que meu pai levase unha vida plena na que ambos triunfaron.

Emmanuel Guigon,no estudo que publicamos no catálogo das colaxes de Amparo no ano 2000, comenta sobre a atracción que sentimos cara á colaxe. Esta fascinación “está relacionada co gusto, co amor do plural…E o tipo de relacións e de encontros que suscita”. (p. 53) Máis adiante,Guigon engade: “Amparo nunca se preocupou por crear unhas colaxes puras”. Elixiu a colaxe impura, a mestura de tipos e a hibridación de medios. Máis aínda que o uso dunha técnica, é unha mestizaxe que revela en definitiva a aventura da colaxe. (p. 54).

A gran sorpresa con Espe é que ela tamén crea colaxes ou fotomontaxes e en varios deles utilizou fotos de Amparo que están no catálogo das súas obras. Espe tamén publicou no seu estudo cartas que lle dedicou a Amparo.

Natalia Fernández Segarra

A vida de Amparo Segarra Vicente (Valencia, 1915 – Madrid, 2007) parece estar feita de retallos de historias vitais que, finalmente, conforman unha composición merecedora dunha relevancia que, desgraciadamente, non tivo.

Amparo Segarra foi actriz de teatro e colaboradora de escenografías e vestiario, pero a faceta artística na que destacou foi na de artista de colaxes; unhas colaxes de composición estudada, ateigadas de simboloxía e cargadas dun activismo en contradas opresións e das inxustizas, feminista e antibélica.

Trazar, cal arquitecta, delinear e poñer en perspectiva a obra de Amparo Segarra non é fácil debido á escasa atención que espertou a súa obra. Non porque a súa produción artística non o mereza, senón polas circunstancias sociais, políticas e culturais nas que, no caso de Amparo e no de tantas e tantas mulleres artistas, se produce.

Os anos que compoñen a colaxe da vida de Amparo Segarra non o foron tampouco, e moito menos como republicana e como muller. Unha viaxe a Ítaca protagonizada por Amparo Segarra que, aínda que soubo, cal Ulises, gozar do traxecto, non quita que recoñezamos o difícil quello puxeron os “deuses” da historia e con que mestría e xenerosidade Amparo Segarra soubo crear alá onde estivo.

Este traballo pretende, ademais de acompañar a Amparo Segarra nesa viaxe para rememorar o relato, realizar outro percorrido se cabe máis interesante, o da Amparo Segarra artista; o da Amparo Segarra que comezou a namorarse da colaxe recortando os escritos, as fotos e as noticias que saían do seu marido, o tamén artista Eugenio Granell, en publicacións e en medios de comunicación para acabar realizando unhas obras propias dunha creatividade e dun talento admirables.

Pero sobre todo este traballo é unha homenaxe que se formalizou nunha serie de cartas que lle escribo e noutra serie de colaxes que realicei baseándome nas súas obras.

Esperanza Durán Delgado