A Fundación Eugenio Granell ofrece a oportunidade única de ser o propietario dunha serigrafía do artista Eugenio Granell adquirindo unha rifa por 5€.
O sorteo celebrarase o 22 de Dicembro de 2022.
BASES LEGAIS PARA O SORTEO DO GRAVADO DE EUGENIO GRANELL “HILO DE AZAR”.
A Fundación Eugenio Granell, CIF G-15520422, Pazo de Bendaña, s/n, praza do Toral 15705 – Santiago de Compostela, A Coruña www.fundacion-granell.gal Teléfonos 981572124 / 981576394; correos electrónicos de contacto: secretaria@fundacion-granell.org / administracion@fundacion-granell.org
PRIMEIRA. Obxectivo, prazo de participación, número de boletos, data de celebración do sorteo e ámbito territorial. O obxectivo que se persegue é a recadación de fondos para o mantemento do museo e para o desenvolvemento do seu programa cultural e educativo para o ano 2022. Pode participar neste sorteo calquera persoa interesada na adquisición dun gravado orixinal de Eugenio Granell.
O período de participación neste sorteo establécese do seguinte xeito: Data de inicio: 1 de abril de 2022. Data de finalización: 21 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos. Data do sorteo: 22 de decembro de 2022. Poranse á venda mil participacións (1000) numeradas dende o 000 ao 999, ambos os dous incluídos, polo prezo de 5 euros por boleto. As bases do sorteo serán publicadas nas redes sociais, na súa páxina web e na sede da Fundación Eugenio Granell, dende a data de inicio da participación ata a data do sorteo. O ámbito territorial será a Comunidade Autónoma de Galicia.
SEGUNDA. Premio. Sortearase o gravado do artista Eugenio Granell El hilo del azar, sen data de edición. Serigrafía. Folla 72 x 57,5 cm/ Estampador: Taller Serigrafía Artística de SA Santo Domingo. Prezo: 1200 € (IVE incluído). Acompañado do certificado de autenticidade da obra.
TERCEIRA. Procedemento do sorteo: sorteo, publicación e reclamación. O número premiado será o que coincida cos tres últimos díxitos do premio Gordo do sorteo da Lotería Nacional de Navidad celebrado o 22 de decembro de 2022. A Fundación Eugenio Granell publicará, ao día seguinte da celebración do sorteo, a través da súa páxina web e nun dos taboleiros de anuncios da sede da Fundación Eugenio Granell, o número gañador do sorteo. O gañador disporá ata o día 22 de xaneiro de 2023, incluído, para reclamar o premio. Os horarios son os seguintes: de martes a venres, de 9:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h. Non se inclúen os luns, sábados, domingos, nin os días 24, 25 e 31 de decembro 2022 e 1 e 6 de xaneiro de 2023.
A aceptación poderá facerse: Comparecendo na sede da Fundación Eugenio Granell; chamando aos teléfonos: 981 572 124 / 981 576 394; ou comunicándoo a calquera dos correos electrónicos: admininstracion@fundacion-granell.org ou secretaria@fundacion-granell.org. Así mesmo, o gañador terá que presentar, durante este prazo, como norma obrigada, o orixinal do boleto, e non serán válidas nin fotocopias, nin calquera outro documento ou acto encamiñado a demostrar a súa posesión. No suposto de que exista unha imposibilidade manifesta para comparecer na sede da Fundación durante o prazo estipulado, o premiado deberá enviar a papeleta premiada por correo certificado, ou ben escaneada por correo electrónico, ao enderezo da sede da Fundación que consta nestas bases. Unha vez comprobada a autenticidade da papeleta, a entidade enviará o premio ao enderezo do remitente, que se fará cargo de todos os gastos que xere o seu envío e das posibles deterioracións que poida sufrir durante o seu transporte. En caso de que o gañador non reclame o premio no prazo estipulado, o premio quedará de novo no poder da Fundación Eugenio Granell.
CUARTA. Entrega do premio. A Fundación Eugenio Granell realizará a entrega na sede da entidade e será entregado por algún dos responsables da entidade. No suposto de que exista unha imposibilidade manifesta para comparecer na sede da Fundación para recibir o premio, realizarase a entrega de forma simbólica. A entidade enviará o premio ao enderezo do remitente, que se fará cargo de todos os gastos que xere o seu envío e das posibles deterioracións que poida sufrir durante o seu transporte.
QUINTA. Utilización publicitaria do nome do gañador. O gañador autoriza a reproducir, utilizar e difundir o seu nome, apelidos e imaxe en calquera actividade publicitaria e/ou promocional que estea relacionada con esta promoción -todo iso en calquera medio, incluída internet- e a colgar fotos súas na web. Estas actividades non lle conferirán ao gañador dereito ningún de remuneración ou beneficio, agás a entrega do premio gañado conforme a estas bases.
SEXTA. Fiscalidade dos premios e participación dos menores. Aos premios da presente promoción seranlles de aplicación as normas en vigor, no momento da aceptación do premio por parte da persoa premiada, contidas na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas se o premiado tivese residencia fiscal en España. De acordo con estas normas, corresponderalle á Fundación Eugenio Granell a realización da retención ou o ingreso a conta dos referidos impostos. Os menores de idade non poderán participar.
SÉTIMA. Aceptación e depósito das bases. Os participantes, polo mero feito de participaren neste sorteo, aceptan as súas bases e o criterio da Fundación en canto á resolución de calquera cuestión derivada deste sorteo. Os participantes poderán consultar as bases desta rifa na páxina web da Fundación Eugenio Granell e/ou na sede da mesma
OITAVA. Lexislación aplicable. Lei 14/85, do 23 de outubro / Decreto 166/86, do 4 de xuño.