Home » Exposicións » MEDIO AMBIENTE. O MAR NA CORUÑA

MEDIO AMBIENTE. O MAR NA CORUÑA

Fotografía: Medio Ambiente. El mar en A Coruña

24 Febreiro – 26 Xuño 2022
Salas 4 e 5. Primeira planta.

“O mar foi unha parte importante da miña vida desde que nacín na República Dominicana. A miña nai levábame á praia Boca Chica, no Caribe, que queda preto da cidade, Santo Domingo. Creo que iamos en autobús. A miña nai, como boa valenciana, era unha namorada das praias. E aproveitaba para ir sempre que podía. Anos máis tarde, levei os meus fillos á devandita praia.

Cando vivimos na illa de Porto Rico, a praia á que alí iamos era Luquillo, moi preto do parque nacional El Yunque. Esta palabra vén do taíno —lingua dos nativos de P. R.—, que quere dicir “terra branca”. Este bosque chuvioso tropical é o único parque desta índole nos Estados Unidos.

A miña nai conducía o seu vello Ford e boa parte da viaxe faciámola tombados e mirando ao ceo para ver que viamos nas nubes, que cambiaban a gran rapidez.

Nos Estados Unidos, varios veráns alugamos unha casa en Nags Head, North Carolina, que quedaba moi preto da praia. Alí, camiñaba ao amencer e gozaba dos paxaros andarríos que xogaban coas ondas segundo estas entraban e saían da praia. Co paso do tempo, cada ano había menos destas aves e máis e máis medusas.

A praia empezou a cambiar considerablemente.

Nas paredes desta exposición, poderán ler a atracción que os mares da Coruña tiveron para meu pai, Granell, nos seus anos de infancia e mocidade.

Ata publicou un libro para explicar —cousa que nunca fixo— un dos seus cadros, Los amantes de la playa de Riazor.

Nesta exposición, á parte das obras de arte dedicadas ao tema da auga e do mar, tamén poderán ver unha serie de fotos que en 2016 tomei no zoo de Washington, no que se expoñían moitas esculturas feitas co lixo que se sacou do mar. Lixo que afecta seriamente a todas as formas de vida que existen nesta extensa parte do noso planeta. Parte de suma importancia para toda Galicia, así como para España”.

Natalia Fernández Segarra
Comisaria e directora da Fundación Eugenio Granell

A exposición Medio ambiente. O mar na Coruña é a segunda entrega dun ciclo expositivo iniciado o pasado ano. Este ciclo, comisariado por Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Eugenio Granell, está centrado no importante tema do medio ambiente e o seu impacto no noso día a día. A exposición anterior puxo no punto de mira a cidade de Santiago de Compostela e, neste caso, a protagonista será A Coruña e o seu mar.

A mostra componse integramente de fondos da Fundación dispostos nas salas 4 e 5 da primeira planta do museo.

A sala 4 mostra na súa totalidade obras de Eugenio Granell vinculadas co mar e coa Coruña, de entres as que se poden destacar El mar del Orzán se yergue cada noche (1965) ou Homenaje a los amantes de la playa de Riazor (1980), sobre a cal Granell escribiu o libro Historias de un cuadro. Esta foi a única vez que Granell analizou unha das súas obras, o que non lle gustaba xa que cría que a obra fala por si mesma.

O espazo compleméntase con citas e escritos do artista e doutros autores que reflicten os problemas ambientais que sofre o mar, un dos motores principais da riqueza económica galega.

Na sala 5, atopamos unha coidada selección de obras de diferentes autores pertencentes á Colección Surrealista da Fundación Eugenio Granell, como Marcel Duchamp, Susana Wald, Ludwig Zeller, Max Walter Svanberg, Frances del Valle, Mario Granell, Rik Lina, Alex Weiss, entre outros.

A mostra compleméntase con pezas da Colección Étnica como La Nieve, xoguete de kachina ou máscara infantil Dan, e a película experimental de Eugenio Granell, Lluvia (1961).