
15 xullo, 2021 – 2022
Salas 2 e 3. Segunda planta
A Fundación Eugenio Granell abreu ao público o, xoves 15 de xullo, dúas novas exposicións na segunda planta do Museo.
As exposicións, Amparo en boa compañía e Granell: 46 anos de exilio, as súas causas e a importancia da Amizade (1939-1985) comisariadas pola directora da Fundación, Natalia Fernández Segarra, céntranse na vida de Amparo e Granell.
Amparo e Eugenio – Eugenio e Amparo.
Na exposición de Eugenio, Granell: 46 anos de exilio, as súas causas e a importancia da Amizade (1939-1985), que se mostra nas salas 2 e 3, vemos o moito que Granell logrou nesa vida dura e difícil que non sería posible sen o constante apoio dunha persoa, Amparo, que sempre creu nel.
Como se verá na exposición, a vida foi difícil por razóns coñecidas, a traizón de moitos españois cara a República porque interesáballes manter os seus privilexios, o exilio, os diferentes países vividos e todo o feito con entusiasmo e afán de crear e facerse. E de saír adiante.
A exposición está baseada no libro sobre os meus pais que estou a escribir. O fío que sustenta esa difícil existencia é a Amizade, sen a que, ningún dos exiliados podería refacer a súa vida. Nunha carta de 1956 a André Breton dille estar obsesionado coa idea da amizade porque “ha sabido estar a la altura de la dignidad humana, pura y simplemente”. Granell tamén considera que é “una cualidad muy rara al ser necesarias, al menos una inteligencia y valentía que sólo se pueden encontrar juntas en los individuos más excepcionales”.
Amparo e Granell, Carmen e Rafael, Eduardo e Mireya, Maruxa e Seoane, Carme e Isaac. Sempre unha compañeira apoiando. Sempre os amigos igualmente votando unha man e animando.
Natalia Fernández Segarra
Comisaria da mostra