Home » Exposicións » PHILIP WEST. O AMOR E A MUJER

PHILIP WEST. O AMOR E A MUJER

8 abril, 2021 – 2022
Sala Philip West. Primeira planta

“Este grande artista, sabendo que tiña só uns días de vida, dedicounos a ordenar a repartición das súas pertenzas. Grazas á súa esplendidez, Philip West decidiu doar para a miña fundación en Santiago de Compostela gran parte da súa obra pictórica e a súa considerable biblioteca. Nunca poderei chegar a agradecerlle tan amigable xenerosidade”.

Eugenio Granell

“…ambos son o mesmo universo e, por expreso desexo seu, legou toda esta obra á Fundación Granell, que desde agora a custodia e difundirá”.”A obra de Philip West foi dividida en dúas partes; por unha banda, as obras que representan animais dun sorprendente naturalismo e, pola outra, a creada tras un verdadeiro sentimento surrealista”.

Antonio Garrido, sobre a cesión da obra de Philip á Granell e sobre a súa obra

En 1996, Philp West sabía que os seus días estaban a terminar. Estaba namorado e sabía que deixaba atrás un futuro prometedor. Era un home novo. Ese ano pintou un óleo simbólico e importante, Vecinos. Á esquerda do lenzo hai un M pintado en marrón sobre un fondo laranxa. O M está cuberto de casiñas e edificios. O W, en verde, está delineado con cor laranxa e o fondo, en tons verdes e negros, está cuberto de cruces. O M é Marián e o W West. Esta obra foi creada sinceramente e representa a traxedia que se achega. A nosa exposición iníciase con este óleo. Philip, cando estaba morrendo de cancro, dedícallo á súa compañeira Marián Torrens de Zaragoza.

A exposición está dedicada á muller e, máis explicitamente, á muller amada. As obras son unha manifestación importante do concepto do automatismo na arte surrealista. Os óleos convértense en paisaxes oníricas, de soño, “onde fragmentos de figuras antropomorfas se fusionan de maneira incoherente situándose en limitadas chairas…”. (Antonio Garrido)

Non facía moito, Marián e West fixeran unha viaxe á India, así que escollín unha obra que me lembra a arte dese país. Á dereita, sobre un fondo vermello e azul cuberto de letras musicais, libremente flota unha parella. A imaxe á esquerda é de grande interese para min polo sol vermello de paixón que sobresae, así como o triángulo negro creado por aves en voo e que se amontoan no recanto superior esquerdo, de maneira que non poden escapar. O óleo tamén foi pintado en 1996.

As obras de Philip West repiten temas. Un deles, o da parella, pode verse nesta exposición representado por parellas bailando con certa alegría, nas obras Sin título e Ritos de paso. Na terceira obra, a parella xa non está no centro e baila, quizais cansa, como sen ganas; actitude que se reflicte ao pintar a cabeza da muller inclinada sobre o ombreiro do home.

O corpo espido da muller, eterno tema na arte, como en Mujer forzuda, tamén de 1996, na que o artista se adianta á nosa preocupación actual sobre a importancia da muller.

O óleo Sin título de 1986 ofrece unha muller espida e suxestiva dentro dunha forma masculina sen cara.

As outras obras na exposición poden apreciarse pola presenza do feminino, como os zapatos vermellos de tacón en Ascending/Descending, que o artista contrapón ao home líquido á esquerda, un río en forma humana pola que a auga flúe cara á cabeza. En A quemarropa, a mesma figura azul está premida por unha pistola na parte superior do óleo que se metamorfosea nun zapato negro feminino cun gran tacón. Philip dinos que nas súas obras “hai metamorfoses e, como surrealista, non son o mesmo que hai dez anos. Para min, agora, o surrealismo é vivir a vida como se fose un poema. Como non sei onde vou, trato de gozar da viaxe”. Isto escribiuno (tamén era bo escritor) en 1996 en Heraldo de Aragón, o 17 de xaneiro de 1996.

Anímoos a que miren estas obras como poemas pintados xa que, como dicía Granell, un poema é unha obra escrita e unha pintura son palabras pintadas.

Natalia Fernández Segarra
Comisaria e directora da Fundación Eugenio Granell