Home » Exposicións » XULIO MASIDE. PARELLAS

XULIO MASIDE. PARELLAS

Fotografía: Xulio Maside. Parellas

17 marzo – 23 maio, 2021
Salas 4 e 5. Primeira planta


A exposición XULIO MASIDE. PARELLAS, mostrarase, nas salas 4 e 5 da primeira planta do Museo, do 17 de marzo ao 23 de maio, de 2021.
“Aínda que nacido en Vigo en 1933, Xulio Maside vive desde os sete anos en Compostela na casa familiar da rúa do Vilar nº 42 a carón do seu tío Carlos Maside.
O ámbito en que transcorre a súa infancia e mocidade tivo que suscitar nel a curiosidade pola pintura, como el mesmo afirma no ensaio “A miña lembranza de Carlos Maside”. Débelle ao seu tío a ensinanza da conducta moral, o comportamento cívico, a súa fidelidade e amor a Galicia, a transmisión da súa bagaxe intelectual así como o contacto diario co traballo do pintor no estudio, a correcta utilización das técnicas e o temperá coñecemento das vangardas. Carlos deixase sentir nos tenteos iniciais e nas primeiras paisaxes, pero Xulio que debuxa desde que pode soster un lapis na man, vai madurando independentemente desde o punto de vista formal e conceptual. Cores, liñas e manchas van configurando a súa estética persoal. Homes e mulleres representados xunto a uns determinados motivos (gatos e cabaliños, cobras e cabalos, os cans, o espello, os dados, grandes paxaros e paxariños), son elementos icónicos que dan a súa obra a autoría que a caracteriza. “A miña paisaxe é a figura humana” di Xulio Maside, posición que defende na composición dos grupos, nas parellas, nos tríos, nas danzas, nos retratos, nas sombras e figuracións.

A Fundación Eugenio Granell acolle para esta Exposición unha selección da súa obra que abrangue de 2014 até 2021, despois da gran retrospectiva celebrada no Auditorio de Galicia, en 2014, baixo o comisariado de Mercedes Rozas.

A presente Exposición está composta de perto de setenta pezas que titulamos: As Parellas. A peza de gran formato “Luci e máis eu” de 2014, quere ser representativa da mostra xa que concilia obras anteriores coas posteriores que parten dela, con distinto formato e entidade. Compoñen un conxunto de pinturas emparentadas en ritmo e poesía, erotismo e humor. Acrílicos, collages, acuarelas, carbonciños, debuxos a man alzada, óleos de mediano e gran formato, dan conta do mundo de Xulio Maside, dos sentimentos máis líricos e musicais en tempos de confinamento e pandemia. A historia do ser humano e a súa grandeza”.


María Esther Rodríguez Losada
Comisaria da mostra
Santiago de Compostela, 11 de marzo, 2021.