Home » Exposicións » MÍROTE E VÉXOME. LORETO BLANCO SALGUEIRO

MÍROTE E VÉXOME. LORETO BLANCO SALGUEIRO

1 outubro – 22 novembro, 2020
Salas 4 e 5. Primeira planta

Loreto Blanco é unha artista galega nacida en Moaña. Licenciouse e doutorouse na Universidade do País Vasco. Actualmente, e desde o ano 1993, é profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
As imaxes que podemos ver na exposición Mírote e véxome xorden dunha gran conexión e amor á natureza, á que sente profundamente e desde a que xorden os seres que retrata e escoita. Non só presenta as imaxes destes seres, senón tamén as súas mensaxes. Mensaxes que lle expoñen ao espectador unha mirada introspectiva cara a dentro, cara a un maior autocoñecemento. Cada retrato interróganos acerca da nosa existencia, das nosas sombras, da nosa verdade. Ao miralos, vémonos e podemos transcender realizando unha viaxe interior cara ao máis escondido do noso ser.
Son retratos que xorden de momentos fotográficos na natureza e que, tras ser elaborados dixitalmente, pasan a ser pintados sobre o lenzo.
A súa obra ten unha mirada mística, espiritual, concibida como un medio para verse reflectido no mirado. Obra como potencial espello que nos devolve o noso propio reflexo. Arte como toma de conciencia. Arte como vehículo de crecemento persoal.
A sensibilidade da artista levouna máis alá do que se percibe cos ollos, conectouna co invisible, e chegou a entender que diferentes planos de coñecemento coexisten con diferentes planos de existencias aos que podemos acceder.

www.loretoblanco.com
www.loshabitantesdegaia.com

FOLLETO