Home » Exposicións » A PARTIR DO CHAN. CARLA SOUTO

A PARTIR DO CHAN. CARLA SOUTO

5 novembro – 6 decembro
Sala Didáctica. Segunda planta

A partir do chan amosa, a través de diferentes series fotográficas, debuxos e accións documentadas en vídeo, grabadas por Mar Suárez, problemáticas vencelladas co abandono agrícola na Galicia actual, relacionando a implicación do corpo feminino coa terra. Neste proxecto a artista realiza unha análise histórica da resistencia do campesiñado na comunidade galega ata o esquecemento actual. O espazo entendido como territorio identitario, onde a parcela e o lugar agroman da experiencia para covertirse nun signo e símbolo de representación.
A proposta profundiza nunha realidade que a artista percibe dende a herdanza duns terreos da súa familia (nai e avoa), un fito que serve para xerar un discurso de denuncia arredor do abandono rural, a través dos atrancos e imposibilidades para devolver o sentido de respeto pola terra que tivo noutrora.
Conscente da realidade, asume a encomenda de presentar unha paisaxe en decadencia que actúa como signo de representación cultural, establecendo un vínculo co territorio a través de accións simbólicas que funcionan como marca da relación feminina no territorio, a muller e a terra.
A relación da muller coa natureza a través da paisaxe, na vinculación do corpo feminino co terreo, tentando transformar simbólicamente un territorio que serve como construción de identidade e conciencia política.

Carla Souto (A Coruña, 1994) Recentemente completou o seu máster en escultura na Universidade de Lisboa (PT). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (ES). Durante ese período, recibiu bolsas como Freemover na especialidade Arte Multimedia na Universidade de Porto (Portugal) e Artes Visuais, Artes Escénicas e Moda no CEART-UDESC en Florianópolis (BR). Recentemente, expuxo na Galeria do Sol (Porto, PT) Tangent Projects – Art NOU (Barcelona, ES), Galería Monumental (Lisboa, PT) e Museo de Imaxe e Son-CIC (Florianópolis, BR). Gañou VI Bolsa Puénting , a bolsa INJUVE e participou nas Residencias Artísticas da Bienal Cerveira 2017 (PT) e en KH Messen (NO) en 2018.

FOLLETO