Home » Exposicións » CARLOS MASIDE [PATRIMONIO DE GALICIA]

CARLOS MASIDE [PATRIMONIO DE GALICIA]

23 xaneiro – 31 decembro, 2020
Sala Philip West. Primeira planta

O Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell acollerán, na sede desta última, as obras do Legado Maside, adquiridas polo Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, coa mostra da exposición “Carlos Maside. [Patrimonio de Galicia]”.

Carlos Maside é unha das persoas que Granell recorda e admira no seu libro Memorias de Compostela. “Visión orlada por estrellas, islas, árboles y antorchas”. Conta Granell nestas Memorias que o seu irmán Mario, discípulo de Camilo Díaz Valiño, foi animado por “Carlos Maside, que era o pintor máis colorista na súa arte entre os que había en Santiago”, a realizar unha exposición na Rúa do Vilar en 1928.

A exposición deste gran artista, non surrealista, encádrase dentro das actividades que a Fundación Granell leva anos realizando, como os maratóns de lectura de escritores daquela época, inicios do século XX, aos que Granell coñecía e admiraba, como, Antón Avilés de Taramancos, Manuel Lugrís, Valle Inclán, Manuel Antonio, Antón Fraguas e, este ano 2020, Carballo Calero. Para Granell esa época da República que lle tocou vivir foi como un Século de Ouro en Galicia.

A exposición poderase visitar na Sala Philip West, na Primeira planta do museo, desde o 23 de xaneiro (a partir das 18.00h) ata o 31 de decembro de 2020. Horario de museo: de martes a venres de 11.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h. Sábado de 11.00 h a 14.00h. Domingo, luns e festivos pechado.

A exposición contará con documentación e libros da Biblioteca Granell relacionados con Carlos Maside.