Home » Exposicións » MATRIA. Reina D’Hoore

MATRIA. Reina D’Hoore

Fotografía: Reina Hoore

10 decembro, 2020 – 7 marzo, 2021
Salas 4 e 5. Primeira planta

Matria é o resultado dun longo proceso de investigación que sae do seu traballo“Et in Arcadia Ego” (2016-2020), un memento mori que nos lembra que no paraíso bucólico tamén está a morte. Partindo desa polaridade vida e morte, Reina D’Hoore investiga o seu propio paraíso e as súas raíces maternas galegas. Interésalle o que está a piques de desaparecer, como se fose unha das últimas nenas do bosque facendo referencia a Richard Louv (escritor e xornalista), recollendo nas súas camiñadas desfeitos vexetais ou animais que cumpriron o seu ciclo vital na súa contorna natural. Como se fosen tesouros… nun mundo que lle dá as costas á emerxencia ambiental.

O desenvolvemento da idea inicial realizouse a través da investigación sobre a morte do doutor Kübler Ross, entre outros, do estudo de textos antropolóxicos sobre a morte en diversas culturas e da observación da natureza nas súas camiñadas diarias, que a levan a cuestionarse sobre os valores da sociedade actual, tal como fai Thoreau en Walden (escritor e filósofo). Mais tamén se inspirou viaxando e observando outras culturas, dándose conta da desconexión co patrimonio material e inmaterial na súa terra materna, Galicia. Cuestionándose que é o valioso, pois non é ouro todo o que reloce. E,no entanto, o ouro simboliza a luz, o espiritual, non só a riqueza material…, cousa que parece esquecerse na actualidade.

Investigar este patrimonio galego conéctaa cos momentos dos veráns da infancia que pasaba en Galicia en contacto coa natureza, tanto na ría de Muros e Noia coma en Abella, a aldea do seu avó, tamén cos mitos e lendas contados por este e a fascinación polas rocas. Sobre todo en contraposición con Bruxelas, a cidade onde creceu. Profunda sobre as súas orixes e as súas raíces. Interésalle sobre todo o mito da moura, mito fundacional de Galicia, Deusa nai, facedora de paisaxes, a moza, a nai, a vella, a creadora de paisaxes, a Finisterrae dos nosos devanceiros, as portas do máis alá. Reclama o valor deste mito e do patrimonio asociado ás lendas dos mouros, a importancia dos seus tesouros, que datan da primeira gran revolución humana, a chegada da agricultura. Unha viaxe ao cabo do mundo dos antigos, dos mouros, ao noso inconsciente colectivo como galegos.

Así, neste proxecto que aborda a morte desde diferentes prismas, non pode deixar á marxe a vida.

Desde o punto de vista material, inicia o seu labor recollendo ósos e refugallos da natureza e engadíndolles valor, como se facía antigamente nos enxovais mortuorios. Aplicando dourado, o ouro tan importante nas nosas lendas, e tamén lembrándonos como coidamos as nosas raíces, lembrándonos a nosa cegueira verde…
Tras atoparse cunha pelve, investiga as orixes da palabra, a súa relación coas ánforas e coa maternidade, e tamén investiga as orixes da arte a súa capacidade para unir os seres humanos.

Ese traballo vese truncado dalgunha maneira polo confinamento e, ao saír, segue o impulso de recoller e de revelar o que poucos poden ver, aproveitando o lusco e fusco, ese espazo de tempo e de luz liminal no que se revelan os debuxos feitos polos nosos devanceiros. Espazos liminais ou fronteirizos que tanta importancia teñen na mitoloxía. Como un xogo… e un renacer. Recoñecendo o valioso da nosa terra, do noso patrimonio.

Trátase tamén dunha reflexión sobre como a sociedade patriarcal e neoliberal abusa da natureza e dos máis vulnerables. A través da súa obra, reclama un cambio de paradigma que permita o regreso ás orixes da civilización, a retomar o vínculo coa natureza, co desexo, coas cores emocionais,
cun discurso íntimo cos propios límites, así como unha visión que transcenda fronteiras e que achegue un compromiso e un discurso educativo, ás veces rompedor…

Todas estas propostas enriquécense con diferentes técnicas, como a frottage, o debuxo, a escultura, co fin de ofrecer unha visión interdisciplinar dunha arte rotatoria.

Agradecementos a Luís, Diana, Puri, Santi, Tammara, Mónica pola súa axuda nesta exposición e á Fundación Granell e ao seu equipo por toda a axuda prestada.

Reina D´Hoore nace en Bruxelas. Nos anos 1996/97, recibe formación plástica de Jean-ClaudeGaroute (Tiga, fundador do Movemento Saint-Soleil), Porto Príncipe, Haití. Fixa a súa residencia en Santiago en 1998 e fórmase en interpretación teatral e en danza contemporánea en Espazo Aberto, na Sala Galán etc.

A súa obra plástica foi exposta en Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Valencia, Burgos, Punta de Couso, A Coruña, Bruxelas e Haití.

Imparte desde 2002 os talleres de creatividade na Fundación Eugenio Granell, no Centro de Cultura Europea, na residencia de anciáns Porta do Camiño, no concello de Ames, en Pontevedra, en Punta de Couso, na Coruña, en Barcelona, en Burgos e en Bruxelas.

Desde 2007 ata o 2010 dirixe e organiza o Roteiro de Creación na cidade de Santiago, un proxecto cultural no que participaron máis de 100 creadores na súa cuarta edición.

Foi a coordinadora do catálogo de artistas de Compostela “Latexos artísticos da cidade de Santiago de Compostela” no 2008. Ten obra publicada en “100mulleres galegas, artistas emerxentes”e en “Botella ao Mar”.