Home » Exposicións » EUGENIO GRANELL. PINCELADAS DUNHA VIDA

EUGENIO GRANELL. PINCELADAS DUNHA VIDA

8 xuño, 2018 – 21 marzo, 2019 Sala 1. Segunda Planta

Eugenio Fernández Granell (1912-2001). Recoñecido como un dos representantes das vangardas históricas españolas, forma parte do movemento surrealista internacional de mediados do século  XX. De orixe galega, viviu a Guerra Civil española en primeira persoa, tendo que exiliarse durante a ditadura de Franco por mor da súa profunda conciencia política.  No seu forzoso exilio americano, desde a década dos corenta ata mediados dos oitenta, co seu retorno definitivo a España,  Eugenio Granell impregnouse de culturas e tradicións dominicanas, guatemaltecas, portorriqueñas e estadounidenses; á vez que coñeceu a distintos intelectuais, músicos, escritores, filósofos, críticos de arte e artistas, que en estado latente brotaban con novas ideas dentro dos complexos contextos de cada país. Unha unión entre intelectuais exiliados e locais que aínda é lembrada.
Esta mostra pretende ser un breve achegamento á figura de Eugenio e a súa relación coas artes plásticas, literarias, musicais e audiovisuais; mostrándoo non só como pintor, faceta polo que é máis coñecido, senón como un “experimentador”. Unha persoa inquieta, creativa e pasional, un “contador de historias”, como el mesmo dicía.
Está composta por unha selección de máis de sesenta pezas entre obras plásticas, material bibliográfico e de arquivo. Varias delas inéditas, algunhas facía corenta anos que non se mostraban ao público e outras xa forman parte do imaxinario habitual do artista, como a representación do seu Paxaro  Pí ou as súas  estilizadas figuras  granellianas. Atoparemos “pinceladas” surrealistas de amor, poesía e liberdade, creatividade, humor e opinión, paisaxes máxicas, critica social, metamorfose, bestiarios, subconciencias, cabezas de indios, pensamentos, encontros, música, azares etc.; unha suma de ideas que se xustapoñen por momentos e mestúranse noutros, vinculando a alma de Eugenio Granell e o seu mundo granelliano, creando un “todo” único e universal.