Home » Exposicións » COLECCIÓN ÉTNICA. Arte e cultura, manifestacións de toda civilización

COLECCIÓN ÉTNICA. Arte e cultura, manifestacións de toda civilización

28 febreiro – 28 abril, 2019 Salas 4 e 5. Primeira planta

Dedicamos esta exposición a Joaquín Yebra Pimentel, que expuxo a súa colección de arte africana no Museo da Fundación Eugenio Granell en 1999, hai xa moitos anos, pero hai que dicir que foi unha das primeiras de importancia.
Aprendín moito de Joaquín, principalmente sobre o amor que se lle pode ter a unha cultura estraña á nosa e que sen prexuízos nos leva a aprender o máis posible sobre o outro. Non era un home moi falador, pero cando dicía algo era para dicir algo importante. Sen pretensións. Del tamén aprendín a montar unha exposición ben ideada e cos espazos necesarios para que cada peza gañe o valor que merece.
No catálogo, Arte africana: a terceira dimensión, escribín:
“Cando visitei a súa casa para ver as obras, empezar a medilas e imaxinar a exposición, as pezas tomaran posesión do piso. Estaban por todas partes. Meticulosamente coidadas. Moitas con peañas de ferro individualmente feitas. Alí vivían. Alí queríanse, respectábanse”.
Como se poderá ver, especialmente na sala 4, todas as culturas que se manifestan aquí están preocupadas, non só polo día a día da vida, senón tamén pola relixión. No caso de Mesoamérica, unha sincretización desenvolvida ao longo de varios séculos.
A sala 5, principalmente de máscaras, reflicte igualmente a importancia que lles dan todas as culturas ás tradicións, ás representacións relixiosas e á realización das varias etapas da vida: a mocidade e a iniciación, o respecto cara aos maiores, a grande importancia da morte como un paso cara a un máis aló descoñecido.
Como dixo Granell no seu día, “as cerimonias son a exaltación do que eles fan e de aquilo no que cren.” (Entrevista con Javier Ruiz).
As manifestacións artísticas das diversas culturas de África foron forzas esenciais no desenvolvemento da arte do século XX, xa que tiveron unha poderosa influencia en artistas coma Picasso, Léger, André Breton, Apollinaire… Hai unha coñecida foto de André Breton sentado á mesa do seu despacho na que se pode ver, detrás del, unha interesante colección de figuriñas de diversas culturas… Aínda que Granell nin visitou nin viviu en África, tamén estivo atraído pola súa arte e coleccionou máscaras e obxectos deste incrible continente tristemente maltratado polas sociedades occidentais.
As culturas de Mesoamérica influíron igualmente en diversos artistas europeos, quizais o máis coñecido, Yves Tanguy, coa súa exquisita colección, entre outras, de kachinas das culturas hopi e zuni dos Estados Unidos… Coloridas figuras que son xoguetes utilizados para que os nenos aprendan a súa cultura. Aínda hai artistas destas sociedades que se dedican á tarefa de crear estas figuras.
Granell, que conviviu moitos anos con diversas culturas das Antillas, así como nos Estados Unidos, non quedou indiferente a estas culturas e, aos poucos e ao longo dos anos, foi acumulando unha boa representación de obxectos cotiáns, xoguetes, instrumentos musicais, e principalmente máscaras.Como xa comentamos, a sala 5 está dedicada exclusivamente ás máscaras da colección cedida á súa cidade, Santiago, por Eugenio Granell e pola súa esposa Amparo. Non mostramos todas as máscaras, aínda que si as escollemos pola súa importancia nalgún tema en particular.
As máscaras africanas, de diversas etnias do continente, son utilizadas para os diferentes ritos, relixiosos ou sociais, que rexen a vida destas variadas culturas.
As máscaras de Guatemala pertencen ás máscaras chamadas de mourería, que desde hai séculos eran compradas ou alugadas para celebrar importantes eventos da vida. Escollemos as máscaras de Guatemala que representan dous conquistadores, Hernán Cortés e Pedro de Alvarado, e soldados e mouros. Nun sitio á parte, mostramos unha máscara da Melinche, unha das poucas mulleres representadas que, como sabemos, foi a compañeira de Cortés e a súa tradutora. Malinche e Cortés tiveron un fillo, Martín, que foi o primeiro mestizo desta cultura.
Loíza Aldea, en Porto Rico, ten unha interesante tradición de crear máscaras feitas de coco e pintadas de cores brillantes ás que lles engaden cornos. Estas máscaras lévanas os chamados vejigantes, que viste con xerseis de colorido brillante para celebrar, principalmente, o día do Santiago Apóstolo. Hoxe en día, estes desfiles maniféstanse en contra da chamada conquista. É igualmente interesante que nesta aldea se representan tres santiagos: o Santiago dos Nenos, o Santiago das Mulleres e o Santiago dos Homes. Estas figuras son pequenas, van acabalo e gárdanse durante o ano na casa dunha coidadora.
Na sala 4 da primeira planta, ofrecemos obxectos dos fondos que son utilizados nos fogares (vasos, pratos, unha cadeira….). Obxectos relixiosos, como varios arbores da vida de México, dúas igrexas de Perú, os Reis Meigos de Porto Rico e Adán e Eva de México. Igualmente, escollemos obxectos de uso musical.
Esta é unha das primeiras exposicións deste fondo de arte étnica que ofrecemos desde un punto de vista didáctico. (Natalia Fernández Segarra. Directora Fundación Eugenio Granell)