
Agora Ágora Nin caricia, nin mimo para a emoción orixinal DENÍS ESTÉVEZ “Artista en Residencia” III Edición 4 outubro, 18 / xaneiro, 19 Salas 4 e 5. Primeira planta
“Agora Ágora”
Nin caricia, nin mimo para a emoción orixinal.
Agora Ágora é compartir. A medida que o proceso foi evolucionando nun espazo concreto, a implicación da idea orixinal foi mudando cara a unha individualidade dura e explícita que demarca o territorio do conxunto. Sen fuxida, os diferentes obstáculos son analizados no momento de seren abordados. Durante as sesións abrollaron dúbidas, cada vez máis abafantes a medida que pasaban os meses, que conseguiron colapsar case todas as ideas preliminares.
A.Á. quixo ser de todos pero a conclusión final é “o espazo en si, que existe dentro da caixa”. Case ao bordo do esquizoide, as imaxes compóñense instintivamente, causan negación e pelexa, e crean unha torsión interior inseparable do noso ser no momento da análise íntima.
O tratamento técnico da imaxe resultou ser nada ortodoxo; intuitivo e abusivo en gran parte do proceso. Comparámolo ao maltrato psicolóxico que por veces nos infliximos. As ferramentas que capacitan o moldeado da materia convértense en soga e pano arredor do pescozo, un afogamento que non chega a matar e que non deixa estigmas na pel. De aí o ruído, o contraste e o desenfoque. A luz dura en contrapunto á profunda sombra, enfrontadas, segmentan o campo que as separa.
A.Á. como un diario de rostros ausentes, de posturas anti estéticas e de criterio alterado pertence a unha soa persoa, a ningunha máis. Representa aquelas mulleres e homes urbanos solitarios en sociedade, desdebuxados por un anonimato imposto. Non simboliza o grupo, cadaquén debe asumilo, debe ser interiorizado individualmente, se se quere dar ese paso voluntario.
A provocación é sinxela: o feito de non explotar cada día é o difícil. O imposible agóchase na mirada limpa do noso pasado, na opinión desinteresada, na ausencia de toda dúbida ante o descoñecido.
A marabilla fotográfica vese alterada pola perda de respecto ao feito do fotografado e a observación. En todo momento temos nas nosas mans unha máquina da que tirar partido “mirando”, en detrimento do “ver”, unha das liberdades verdadeiras; o infinito, na lectura a través do ollo. A folla que danza sabe que mañá, caída, será esmagada. A pinga que cae en picado ve, extasiada, o río que lle fixo perder a forma tantas veces.
“Camiñando polas silvas”
-¡Buraco, agochaches outra vez!
¡Es un trampón, foxo para almas!.. víronte no medio do camiño.
-¿Que máis queres, se non me viches a primeira vez?
-Cando te tapei, descansei tranquilo, pero me segue doendo a perna.
Denís E.F.
Compostela, Setembro de 2018
Cando coñecín a Denís, en 1993, el era un neno. E eu unha descoñecedora do seu país e da súa cultura. Aínda o son.
Xa naquel ano Denís manifestaba unha sensibilidade especial que atraeu a meu pai, Eugenio Granell, quen percibiu nel unha única capacidade creativa e sempre o animou a seguir os seus soños.
Igualmente, seguín con interese os seus diferentes pasos na arte (o óleo, o debuxo, a fotografía, a poesía). O admirable é que non renunciaba a ningún e que se movía imparable cara a outra procura e experiencia. Así que o natural era convidalo a formar parte da nosa nova iniciativa: Artista En Residencia.
Ler o seu texto foi un pracer. Envioumo en español, aínda que estou segura de que o escribiu en galego. Nel fai un xogo interesante coas palabras Agora = ‘agora’ e Ágora =’espazo público’. Esta interesante diversión na que Denís une o galego, o español e o grego gustaríalle a Granell para quen o verbo era un tema de marabilla.
Denís tamén fai referencia aos verbos ver e mirar. Hoxe, aínda que non son intercambiables, a maioría non distingue o un do outro. Esa perda do coñecemento da lingua española era algo que lle arrepiaba a Granell. Denís, como bo fotógrafo e observador, si recoñece as diferenzas entre estes verbos relacionados coa vista.
Granell cría nas coincidencias, no azar. Ágora é o título dunha película de Amenábar sobre Hipatia, matemática e filósofa. Granell, grande admirador de moitas mulleres valiosas, dedicoulle un cadro a esta muller: Lapidación de Hypatia, filósofa. Hipatia foi castigada na ágora de Alexandría. Aquí, sen ningunha dúbida, existe algo fortuíto. Creo, pero non o sei, que a musa desta exposición é unha muller.
O progreso, o desenvolvemento e o resultado final do proxecto inicial deste novo artista, segundo nolo explica no seu texto, son mostras obvias dunha mente creativa en constante movemento cara a adiante.
Natalia Fernández Segarra
Directora da Fundación Eugenio Granell
Amiga
Setembro 2018


