Home » Exposicións » EUGENIO GRANELL E ESTEBAN VICENTE. CONSTRUCIÓNS E TOYS

EUGENIO GRANELL E ESTEBAN VICENTE. CONSTRUCIÓNS E TOYS

28 xuño – 16 setembro Salas 4 e 5. Primeira Planta  

O Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente e a Fundación EugenioGranell presentan a exposición Eugenio Granell e Esteban Vicente. Construcións e toys, un proxecto de comisariado aberto a unha interrelación de linguaxes plásticas e a establecer conexións entre o legado de Esteban Vicente e o de Eugenio Granell.

Eugenio Granell é unha figura crucial á hora de comprender o surrealismo internacional e español e a súa obra multidisciplinar e a súa promoción cultural no exilio son testemuña dunha produción orixinal e única.

Pola súa banda, Esteban Vicente é un dos artistas de orixe española máis significativos do século XX. Tras o estalido da Guerra Civil, emigra a EUA e alí relaciónase con importantes personaxes da escena artística contemporánea do momento, o que fixo que acabase por pertencer á corrente do expresionismo abstracto americano. De feito, frecuentou os seus principais representantes e foi valorado polos seus máis importantes críticos e galeristas.

Con esta exposición preténdese crear un interesante diálogo entre os toys de Esteban Vicente e as construcións de Eugenio Granell, en tanto que ambos comparten unha preocupación pola cor e a forma que os conecta co contexto da vangarda europea.Ambas as producións xogan co volume da forma poética e teñen en común o lúdico como xerme creador para as súas obras.

A exposición reúne un total de sesenta e tres obras. A maioría das pezas que conforman a mostra son toys e construcións; porén, refórzase o discurso expositivo cunha selección de debuxos de Granell , posibles proxectos de construcións, así como obxectos atopados e unha selección de colaxes de Esteban Vicente, en tanto que os toys ben poden considerarse colaxes en tres dimensións.

As construcións de Granell, así como os obxectos atopados, teñen como referente o tribal e o vangardista. Estas obras resultan xogos volumétricos que o artista ensambla ou transformade maneira intuitiva, creando formas antropomórficas onde a cor e os diversos obxectos utilizados adquiren un protagonismo destacado. O artista dálles o nome de construcións a estas obras debido á técnica empregada: a ensamblaxe.

A concepción surrealista destas obras está suxeita a unha comprensión poética destas, desposuíndoas do seu sentido orixinal e someténdoas á imaxinación do artista. Aínda que, influído polos ready-made de Duchamp, Granell non buscaba na creación dos seus poemas-obxecto a provocación, senón que propoñía unha nova lectura, máis lírica, dos elementos que os compoñen. Os obxectos descontextualízanse con títulos literarios. Para o artista ningunha obra estaba completa ata que tiña o seu título, o que lle achega complexidade e profundidade ao resultado.

Esteban Vicente, simultaneamente ás súas pinturas, colaxes e debuxos, realizou desde finais dos anos 60 unhas esculturas de pequeno formato, que polo xeral non superan os 30 cm de altura, sen maior desexo que o puramente lúdico, e que o artista denominaba toys ou divertimentos.

Estas pezas denotan unha gran beleza e mestría e están realizadas a base de fragmentos de refugallo dispersos polo estudo do artista. A maioría das veces son formas abstractas, aínda que en ocasións atoparemos figuras realistas. Son xogos en equilibrio, de relación de formas, de cores, de poética íntima e asemade de liberdade de expresión. Esteban Vicente non lles dá a estas pequenas esculturas un único punto de vista, senón que suxire distintas interpretacións por parte daquel que as contempla. A figura emerxe ao paso do espectador.