20 xullo – 24 setembro, 2017 Sala 4. Primeira planta
A mitoloxía é unha forza poderosa que lle dá forma á humanidade. Por milenios, lendas antigas crearon heroes e relixións, definiron crenzas e incrustáronse profundamente na nosa conciencia universal. Escollín dous contos provenientes de distintas culturas e diferentes continentes e momentos históricos como suxeito da miña actual exposición LENDAS.
Unha das dúas partes da obra foi inspirada polo mito de Medea, o arquetipo da muller abusada que se vinga do seu abusador. Do mesmo xeito que coa maioría dos mitos, existen varias interpretacións do asasinato dos seus fillos. Eurípides foi o primeiro en atribuírlle a morte dos seus fillos a Medea, pero abundan outras versións.
Nesta parte, formada maiormente por obras mix media en papel, centreime na situación difícil na que se atopa Medea, para o que me concentrei na súa cara e nos seus posibles pensamentos. Que acontecía detrás deses ollos mirando cara a dentro, contemplando a destrución da súa vida, da súa seguridade e dos seus sentimentos de pertenza?. As sombras fantasmais que anuncian a perda inminente dos seus fillos a outra muller pesan sobre ela como unha presenza ominosa e surreal. Ela sona esperta sobre a súa vida co home que ama, por quen deixou todo o que tiña, e convértese nun xardín de flores que crece da súa cabeza. A historia de Medea ten todos os elementos dunha traxedia humana: amor, traizón e o desexo de xustiza.
A segunda parte da exposición, titulada Suite de los pájaros caníbales, consiste en obras inspiradas pola práctica de iniciación da sociedade secreta Hamatsa, pertencente á nación Kwawaka’wakw da Colombia Británica, Canadá. Cando era unha nova inmigrante en Vancouver, fascinábame a arte maxestosa dos pobos indíxenas da costa noroeste.O resultado foi un gran número de obras surrealistas que inclúen elementos de culturas nativas e a flora e a fauna do medio onde estas persoas habitan desde hai séculos.
Un elemento importante desta serie son os bosques, o símbolo do deambular da alma na busca da verdade. Paxaros caníbales axexan entre as árbores; son os demos que os seres humanos teñen que enfrontar para descubrir quen son en realidade.
Aínda que a primeira vista as dúas partes desta obra non parecen ter nada en común, o fío invisible que as une —esa procura da verdade— fixo que profundase na miña propia maneira de entender o mundo en que vivimos. (Pnina Granirer)
Pnina Granirer naceu en 1935, no seo dunha familia hebrea romanesa. Nunhas circunstancias históricas atroces, chega en 1950 a Israel, tras librarse do nazismo, así como da chamada ditadura do proletariado. En 1962, inicia un periplo que a leva, tres anos despois, a Vancouver, onde se establece definitivamente.
Valéndose sempre dunha gran variedade de medios e de técnicas, Pnina Granirer inicia a fins dos anos 70 a obra que a achega poderosamente ao surrealismo. Entre 1978 e 1981, inspírase nas paisaxes e nas riquísimas culturas nativas da costa noroeste, das que nos brinda unha visión, como diría Agustín Espinosa, “integral” —ou sexa, poética— e non realista. A serie de aves antropófagas incorpora elementos totémicos e máscaras Kwakiutl. Estas aves míticas habitan os bosques onde as persoas van na procura da súa canción ou do seu ser interior. (José Miguel Pérez Corrales, profesor de Filoloxía, Tenerife, en Surrealismo: El Oro del Tiempo).
PNINA GRANIRER – notas biográficas
www.pninagranirer.com
Artista canadiense, Pnina Granirer, dedicou toda a súa vida a arte, realizando exposicións ao longo de máis de sesenta anos. Os seus traballos forman parte de numerosas coleccións privadas e públicas, nacionais e internacionais, en Canadá, Francia, Israel, España, Chile e Costa Rica. O seu libro Light within the Shadows; a painter's memoir foi publicado en maio de 2017 e está dispoñible en Amazon.com