
20 xullo – 24 setembro, 2017 Sala 5. Primeira planta
Frances del Valle foi estudante de Eugenio Fernández Granell, que ensinaba Arte na Universidade de Porto Rico (UPR) nos anos 50 e cofundou o grupo surrealista El Mirador Azul. Do grupo di: “Éramos lagartijos en un sitio donde la gente les tenía repelillo”. Aos seus oitenta e tantos anos, continúa a súa faena posto que “lle queda moito por facer”, como ela mesma explica. Presentou o seu traballo por primeira vez no ano 1956, nunha importante exposición colectiva na UPR, onde tamén expuxo E. F. Granell, entre outros artistas establecidos. Desde entón, participou en moitas exposicións colectivas e individuais. No 1970 cofundou, xunto á artista e educadora Anita Campos, o taller de monicreques Teatro Pacholí, onde levou funcións aos nenos nas zonas de escasos recursos. Na década dos oitenta, formou parte da colectiva Arte en la Calle, un grupo de artistas que compartía a visión da arte para todos, e non tan só en museos e galerías. Contribuíu en traballos que apoiaban a independencia de Porto Rico, os dereitos da muller e as causas ambientais. As súas exhibicións individuais máis recentes son: Pajarera (2001), En Tinta Viva (2003) e Veo, Veo (2011).
A directora da Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra, propúxolle á artista que escollese traballos recentes que non fosen exhibidos. Da preselección que fixo a artista, a directora elixiu estes e atopou fío para atalos. E isto é case milagroso, porque Frances del Valle non define temas de antemán, aínda que na súa obra hai ideas recorrentes. Son traballos mixtos, colaxes, reciclaxes e debuxos sobre papel nos que se funden mitos e lendas de Porto Rico cos doutros lugares e épocas, filmes, relatos de ciencia ficción, miniaturas persas e da India, noticias e eventos familiares “lo que aguante”. Do que crea di o seguinte: “No meu interior, coma nos soños, xorde a miña versión do mundo exterior”.
A maioría destes traballos foron creados nos últimos dez anos, pero coáronse algúns máis vellos. Todos eles dan unha idea das transicións entre o novo e o repetitivo. Por exemplo, o debuxo en tinta titulado Guerrera, do 1995, presenta un dos personaxes favoritos de Frances del Valle: a muller como ente xestor que determina a vida e a morte. O feminino preséntase como un punto de orixe: illa, xoia, lúa, ovo, oco, cova, ollo, astro, universo. Tamén aparece como harpía, furia, raíña, Eva… Presenta as deusas Astarté, Ishtar, Venus, Ochún, Yemayá, Guabancex, e as virxes, non como símbolos, senón como mulleres coas que se identifica. Di que, ante a supremacía do masculino, nas deusas a muller é indiscutiblemente forza, non apéndice.
Nos seus traballos pódense ver outros personaxes —por exemplo, os vejigantes, que son diaños burlóns do folclore portorriqueño— e as árbores aparecen pola súa contundente vitalidade. Tamén a inspira a crenza dos antillanos sobre a árbore da Ceiba que conecta vida e morte, e en cuxo dosel habitan outros espíritos.
Sobre o seu método de creación di que fai o que lle sae no momento, como quere, co medio que quere ou teña e, se non a satisfai, tírao. Para Frances del Valle experimentar é necesario. Gústanlle os detalles minúsculos. A técnica da colaxe estimula a súa imaxinación e axúdalle a atopar formas novas. Non segue un proceso racional. Di que a imaxinación non se pode reducir a un método. É meticulosa ou non, segundo considere. Algúns traballos requiren máis control e un esforzo deliberado.
En Volando chiringa – en Porto Rico, díselle “chiringa” ao cometa- exemplifica o traballo libre que se lle anunciou segundo se foi creando. O tamaño pequeno dos traballos débese á falta de espazo para traballar e a os recursos limitados.
A obra de Frances del Valle non está desarraigada do mundo, pero tampouco procura representalo. Se o observador atopa algunha referencia, benvido sexa. O debuxo suxire e dá marxe á interpretación do espectador. É un diálogo que non se expresa en palabras, senón que se produce no encontro coa obra.
Esta exposición presenta unha mostra do traballo de Frances del Valle por primeira vez ante unha audiencia internacional. A artista quere saber que se di da súa obra, que interpretacións suscita, e como se relaciona co que se fai fóra da súa órbita. A artista e a súa obra agardan comentario. (Carmina Sánchez)