20 xullo – Permanente, 2017 Sala Philip West. Primeira planta
Os lugares de Philip West xorde dunha reflexión sobre o lugar e os seres que habitan a obra de Philip West, a través de pezas realizadas en diferentes formatos e soportes. As obras seleccionadas para esta exposición son unha pequena parte da extensa colección que o autor lle cedeu á Fundación Eugenio Granell no ano 1997.
A figura de Philip West (York, Inglaterra, 1949-Zaragoza, 1997) supón unha recuperación e unha revisión do surrealismo nun momento en que se camiñaba cara a outros sendeiros artísticos (Pop, Minimal, Povera etc.). West é considerado o creador dunha nova corrente, o "surrealismo fantástico", un mundo que recolle influencias de autores coma Buñuel, Magritte, De Chirico, Ernst ou Tanguy, entre outros.
Philip West descubriría no surrealismo unha atmosfera artística e literaria idónea para un espírito inquieto e que procuraba o estimulante. O seu interese polo misterioso, a maxia, a ornitoloxía… queda plasmado no sentido da súa obra, así como a súa estancia en Venezuela, cuxa flora e fauna espertarían nel unha fascinación que o acompañará para sempre e que reflectirá na súa obra.
Deste xeito, a representación de animais e paisaxes será unha constante nela: animais, figuras metamórficas, lagos, praias, ríos, bosques, e incluso trazados urbanos, constitúen o leitmotiv dunha produción artística que pon en contacto o espectador cos lugares significativos da vida e da obra de West.
******
DATOS SOBRE A VIDA E OBRA DE PHILIP SACADOS DE: Garrido Moreno, A. (2006), "Philip West: unha homenaxe á liberdade, ao amor e á poesía", en Philip West. O legado dun artista, Fundación Eugenio Granell. Santiago de Compostela.