
A Biblioteca da Fundación Eugenio Granell súmase a celebración do "Día Internacional do Libro" coas seguintes actividades:
. 19 e 20: Libro por libro
. 21: Bookcrossing
. LIBRO POR LIBRO, que consiste en que todos aqueles particulares e institucións que o desexen poderán intercambiar os seus libros por calquera dos que se atopan nos stocks de libros repetidos da Biblioteca da Fundación Eugenio Granell.
Asemade a Fundación Eugenio Granell convida a calquera biblioteca interesada nesta iniciativa a participar connosco.
A filosofía da actividade pode resumirse no lema: “Alguén ten un libro que ti queres, alguén quere o libro que ti tes”.
Pola súa parte a Biblioteca da Fundación Eugenio Granell conta con libros repetidos (novos e usados) dos eidos da arte, cultura, ciencias sociais, etc. así coma libros que edita a propia Fundación, que serán postos a disposición do público en xeral co fin de intercambialos por outros títulos das seguintes áreas temáticas: surrealismo, vangardas, e arte étnico.
Para realizar o intercambio deberán dirixirse á Biblioteca da Fundación Granell durante o horario de Museo: de 11:00 a 14:00 e de 16.00 a 20.00 horas.
. BOOKCROSSING: O venres 21 de abril, a Fundación Eugenio Granell, unirase a outros centros e museos de todo o mundo nunha experiencia de bookcrossing coordinados polo Museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz. O Día do libro pretendemos ateigar de libros de arte as rúas de cada unha das cidades que participan nesta actividade.
Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, conterán as instrucións necesarias para facilitarlle ó lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar.
O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos ó esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.
Nesta proposta participan outros centros galegos de arte.


