Home » Exposicións » SONNI AUN

SONNI AUN

aquí estou 11 maio – 10 xullo, 2017 Sala Philip West. Primeira planta

Nacín en Seúl, Corea e crecín en diversos países do mundo. Cheguei aos Estados Unidos aos trece anos e, agás unha curta estancia en Venezuela, estiven aquí desde entón.
Intento que as miñas obras sempre evoquen un sentido de narrativa porque contar  historias é unha das forzas máis elementais do ser humano. Isto nace do noso instinto de atopar a razón de ser do mundo. Aínda así, a narrativa sempre está enredada e case non se pode descifrar porque sempre entendemos o mundo como algo imperfecto a través de momentos fugaces que nacen desa incomprensión. Todo é subxacente á pregunta e ao exame constante da nosa propia pel e identidade, grotesca na súa decadencia en marcha, a pesar de que (ou por iso)á vez é tan bela. 
Penso que as primeiras pezas son estudos pensativos e meditativos con cores máis tenues e unha sinxeleza na presentación do obxecto sobre o fondo. Gústame pensar que estes obxectos e criaturas insólitas son enganosamente silenciosas. Coa súa estrañeza retida, convidan o espectador a explorar o seu misterio e, a pesar diso (ou quizais por mor diso), o seu misterio evoca un inefable sentido de movemento. Ás veces, somos máis receptivos canto máis atordados. Posiblemente sexa correcto que tantas das obras leven o título de untitled, porque desexo que reflictan a nosa inhabilidade de clasificalas ou de entender tantas cousas ou fenómenos diferentes que existen na vida; o noso silencio cara ao que é imposible de comprender.
As últimas pezas son máis vistosas e barrocas, máis promiscuas. Buscaba máis extravagancia e absurdidade, quería que as obras fosen máis operísticas, así que fixen que os planos de observación fosen máis perturbadores e arrevesados. Pretendía unha estrutura implícita, un tipo de sistema que sustentase o debuxo, un sistema que confunda, que non aclare.
Tento crear o concepto de que varias capas de narrativa se conten á vez, a través de entrelazar diversos estilos visuais. Aínda que isto xa estaba presente nas primeiras obras, nestas últimas pretendo elevar aínda máis o contraste e o tira e afrouxa entre os diferentes medios, como a aspereza do lapis de cor, a frouxidade da acuarela e a rebuscada tensión da tinta.
Considero a miña obra como poemas visuais que xogan cunha linguaxe visual, como ocorre cos poemas tradicionais escritos. Estou igualmente interesada na linguaxe en si, sexa escrita ou visual, xa que existo na historia que se está contando (ou que non se está contando).