Home » Actividades » A MIÑA PEZA FAVORITA

A MIÑA PEZA FAVORITA

Martes 4 abril
19.30h
Intervén: Juan de la Colina

O vindeiro martes 4 de abril, ás 19:30 h, na Fundación Eugenio Granell terá lugar unha nova edición da actividade A Miña Peza Favorita, a cargo de Juan de la Colina,  artista multidisciplinar e doutor en Belas Artes, formado en Barcelona, Madrid e Nova York.

Baixo o título ‘Mirada libre ao autorretrato de Eugenio Granell (dende o poder discursivo  do exvoto “Pérez-Maldonado” de 1777)’, De la Colina realizará  unha aproximación-ensaio a unha das pezas máis emblemáticas de Granell, Autorretrato (1944). A obra será analizada na súa iconografía, nun intento de penetrar na mente surrealista do artista. Juan de la Colina propón, ademais, unha viaxe á sociedade novohispana de 1777, onde se realiza a primeira mastectomía representada da historia. Frida Kahlo, André Breton e a cabeza de Benjamin Fondane, dialogan con Granell nun políptico onde agroman a representación barroca de San Pancracio, Chris Burden, e a arte popular galega.

A Miña Peza Favorita é unha actividade que se inicia no 1997 e consiste en seleccionar unha ou varias pezas de entre as que forman as Coleccións da Fundación Eugenio Granell para que o convidado elabore un comentario persoal. Trátase dunha proposta aberta a calquera persoa interesada tanto na Fundación, coma na arte ou na figura de Eugenio Granell, contando tamén coa participación de figuras de diferentes ámbitos coma os da arte, a educación ou a comunicación.