Home » Actividades » CHARLAS BIBLIOTECA

CHARLAS BIBLIOTECA

A Fundación Eugenio Granell e o Colexio de Arquitectos de Galicia, Delegación de Santiago de Compostela, organizan as: Xornadas de Arquitectura e Literatura. PÁXINA PAR: A lectura dos arquitectos

O tema central das Xornadas será "O espazo urbán". Unha temática que se repite na literatura, case sempre baixo unha concepción particular: o  espazo público como lugar de relación, como exhibición de riqueza, como mercadoría, como  afirmación do poder público, como escenario de experiencias vitais, como creador do carácter dos seus usuarios, como materialización de estruturas sociais, como obra histórica, como tecnoloxía, como símbolo ou como ideal, como cloaca, como labirinto.
O obxectivo das xornadas é mostrar aos arquitectos fóra da súa actividade profesional diaria, expoñendo as diversidades dos seus intereses no momento íntimo da lectura. Indirectamente, achegarémonos, deste xeito, á relación entre libros e arquitectura, entre o soñado e o construido.
Na Biblioteca da Fundación Eugenio Granell, poderemos disfrutar, en dúas sesións, das lecturas  elexidas por dez arquitectos. A proposta consiste na lectura dun texto seleccionado previamente polo participante, que logo será comentado, propiciando o debate co público asistente.