Home » Exposicións » O CORAZÓN DO BARRO

O CORAZÓN DO BARRO

9 febreiro – 16 abril, 2017 40 aniversario da creación do Museo do Pobo Galego Salas 4 e 5. Primeira planta

A exposición O corazón do barro poderase visitar, nas salas 4 e 5 da primeira planta da Fundación Eugenio Granell, ate o 16 de abril.

No verán de 1976 celebrábase no Círculo Mercantil e Industrial de Santiago de Compostela, no Pazo de Bendaña da praza do Toural, hoxe sede da Fundación Eugenio Granell, a exposición do I Concurso Rexional de Oleiros. Unha cita patrocinada por Luciano García Alén e María García Ayaso, que sería o embrión da primeira sala do recén creado Museo do Pobo Galego, que abriu as súas portas o 29 de outubro do ano seguinte.

A Fundación Eugenio Granell acolle unha exposición dos fondos de cerámica do Museo do Pobo Galego, para sumarse á conmemoración do 40 aniversario da súa creación.

A mostra reúne pezas seleccionadas nos fondos do MPG, que dan conta da presenza e desenvolvemento da cerámica en Galicia ao longo da historia, desde reproducións das primeiras pezas achadas en mámoas e castros, pasando polas ánforas romanas, ata a produción dos obradoiros máis representativos da tradición oleira e algunhas pezas singulares de Sargadelos, que exemplifican o que é, ata agora, o elo máis sobranceiro da industria contemporánea da cerámica.

Organizan: Fundación Eugenio Granell – Museo do Pobo Galego
Colabora: Xunta de Galicia