Saltar ao contido
Home » Exposicións » FISIONOMÍA DA SINRAZÓN. Montse Rego

FISIONOMÍA DA SINRAZÓN. Montse Rego

    20 outubro, 2016 – 29 xaneiro, 2017 "Artista en Residencia". I Edición Salas 4, 5. Primeira planta

    Con esta exposición a Fundación Eugenio Granell inicia "Artista en Residencia", un proxecto que xorde segundo escribe a directora da Fundación e comisaria da mostra:
    Había anos que quería que Montse expuxese na Granell. No 2006, créanse na Fundación os ciclos: Jóvenes poéticas surrealistas e In situ, comisariados por Montse Cea, co fin de mostrar a obra de novos artistas nalgúns espazos do museo. Finalmente, logrei que Montse Rego aceptase facer unha exposición connosco. Durante unha reunión, preguntoume se podería traballar as súas creacións no edificio da Fundación. Enseguida lle ofrecín o espazo que no seu día foi a miña oficina. E alí traballou varios meses. De aí xurdiu a idea de que isto se convertese nun evento anual, e chamámolo “Artista en Residencia”. Agradezo que Montse sexa a primeira e que, grazas á súa iniciativa, nacese a idea deste evento. O ano que vén, Mauro Trastoy, outro novo artista, que foi veciño meu na rúa Calderería, será o próximo “Artista en Residencia”.
     

    A exposición "Fisionomía da sinrazón" da artista Montse Rego, poderase visitar ata o 29 de xaneiro do 2017 nas salas 4 e 5 da Primeira Planta.

    "Gústanos chamarnos animais racionais, pero persoalmente estou convencida de que moi frecuentemente quen dirixe o noso comportamento son as emocións.
    A pesar de que a nosa psique está controlada principalmente polo cerebro, o sistema nervioso entérico ou segundo cerebro -encargado de controlar o sistema gastrointestinal- inflúe en gran medida nos estados emocionais e nos procesos nerviosos non racionais. Intestino e mente teñen en común a existencia de neuronas e a produción do mesmo tipo de neurotransmisores, como a serotonina e a dopamina.
    Se ademais lle engadimos o importantísimo papel que desempeña a microbiota (bacterias que poboan o intestino), e se temos en conta recentes estudos médicos, parece cada vez máis verosímil a interacción entre o cerebro e o intestino e a teoría sobre a estreita relación entre certas anomalías da conduta, a ansiedade, a depresión… con desequilibrios ou disfuncións do devandito sistema nervioso entérico.
    Para elaborar as pezas desta instalación parto de cómo este sistema procesa, almacena e dixire recordos, sentimentos e emocións sen a mediación da razón. Medo, culpa, esperanza, sensualidade, ira, anhedonía… materialízanse nun conxunto de formas imaxinarias.
    Sinto, logo existo".
    Montse Rego

    ………..

    Montse Rego
    Coñecín a Montse Rego pouco despois de mudarme a Santiago en 1995 para abrir, no pazo de Bendaña, a Fundación Eugenio Granell. Empezamos na primeira planta e, co tempo, fomos crecendo ata ocupar todo o edificio. Igualmente, vin crecer a Montse muller, nai e artista. As primeiras creacións que coñecín foron unhas xoias, uns colares, feitos de nailon cable e aceiro inoxidable. Co paso do tempo, e en diversas exposicións, vin como foi desenvolvendo o seu talento artístico. Montse é unha muller segura de si mesma que non compromete as súas ideas. Segue facendo xoias, completamente diferentes daquelas primeiras. Agora utiliza fíos e teas. Entre as súas creacións tamén se atopan cadeiras, dúas delas pódense ver na Fundación, actualmente na Sala Amparo. Obviamente, creo en Montse.

    Os surrealistas crían nas coincidencias da vida, no azar. É interesante que esta mostra, Fisionomía da sinrazón, teña moito que ver coa psique, que como Montse escribe "está controlada polo cerebro". André Breton, o pai do surrealismo, estudou Medicina e durante os anos da Primeira Guerra Mundial traballou no centro psiquiátrico Saint-Dizier con soldados que foran sacados da fronte por razóns de tensión mental. Esta exposición, desde logo, corresponde a este museo.
    Natalia Fernández Segarra
    Directora e Comisaria da mostra

    .Ver reseña en ARTE A UN CLICK:
    http://arteaunclick.es/2016/11/10/montse-rego-fisonomia-de-la-sinrazon/