Home » Exposicións » Miguel Vidal & Lena Panciuc

Miguel Vidal & Lena Panciuc

CARA A CARA 14 xullo – 9 outubro Sala Philip West. Primeira planta  

Este proxecto de Miguel Vidal xorde despois de catro anos fotografando a súa modelo, a artista rumana Lena Panciuc. Ambos chegan a traballar dunha maneira automática, as imaxes xorden a medida que progresa a relación, días e noites incansables buscando a expresión, a interpretación dos soños do autor vencéllase co corpo da artista, e das súas propias creacións que nacen de maneira espontánea.
Miguel Vidal e Lena Panciuc traballan xuntos e se inspiran mutuamente, unha relación artista-modelo que moitas veces sobrepasa os límites e se enriquece, compleméntase, e transfórmase nun proxecto común no que as imaxes xorden de forma instantánea, con gran facilidade, como si o corpo de Lena e a lente de Vidal tiveran vida propia… como Man Ray e Lee Miller, convírtense en compañeiros surrealistas.
O repertorio de imaxes que nacen desta relación, enriquécese ata tal punto que a cantidade supera con creces a previsión do autor, dando forma a multitude de momentos fotografados en exteriores ou interiores; moitos destes momentos presentáronse no ano 2014 coa obra en ROOM 111, nunha exposición individual na Galería About Art, que posteriormente se puido ver en Madrid, en JAALPHOTO FAIR e en Paris, e na feira de fotografía FOTOFEVER, ubicada no Carrousel du Louvre.
ROOM 111 componse dunha serie de fotografías realizadas todas no cuarto número 111 dun motel dos arredores da cidade de Pontevedra, nas que aparecen situacións únicas onde cada unha conta unha historia propia e o conxunto consegue crear un proxecto artístico redondo, con infinidade de matices e detalles, como si dunha película se tratara. As fotografías desta época caracterízanse polos ambientes escuros, casi en penumbra, con focos de luz centrados en puntos concretos e onde o eixo das composicións é a figura da muller, como protagonista, e o nú feminino como núcleo, en multitude de formas e ambientes creados no mesmo lugar.
No 2015, o proxecto artístico de Miguel Vidal da un xiro, un paso máis, aportando máis luz ás súas imaxes. Aparecen os grises e pratas, o branco… e as composicións tenden a suavizarse. A figura de Lena segue sendo a base dos seus traballos, que se presentan en exteriores ou interiores, dependendo do que o autor queira contar en cada intre, sempre cunha inquietante escea que a cada un lle transmite vivencias ou aspectos propios e internos. Os obxectos repítense, como obxectos fetiche, unha e outra vez: máscaras, vendas, medias, redes… xorden como únicos complementos e pasan a contar unha historia diferente cada vez.
Agora, no mes do Apóstolo chega a Santiago de Compostela con grande emoción, emoción por ocupar un espazo na Fundación Eugenio Granell e todo o que isto significa para nós, para min en especial porque teño vivido aquí momentos máxicos no meu pasado e continúo sentíndome na casa cada vez que veño, pero sobre todo porque aquí recórdase a figura dun dos nosos grandes artistas, dos nosos artistas do compromiso, do exilio, dos que nos chean de orgullo de ser de aquí, de ser galegos e dos que coidaron do noso e lle deron sentido á nosa historia.
Para homenaxear a Eugenio Granell e á súa muller e tamén artista Amparo Segarra, Lena e Miguel levaron a cabo unha performance co título El Combatiente Rojo, o día da inauguración da exposición.
María Díaz Rey, Comisaria da mostra
About Art, 2016. Pontevedra