Home » Exposicións » PHILIP WEST. ITINERARIOS EQUIVOCADOS

PHILIP WEST. ITINERARIOS EQUIVOCADOS

6 abril – 15 maio, 2016
Sala Philip West. Primeira planta

A exposición Philip West. Itinerarios equivocados, poderase visitar ata o 15 de maio na sala 5 do primeiro andar da Fundación Eugenio Granell.
Esta exposición, comisariada por Eduardo Valiña, ten como obxectivo mostrar a través de obras realizadas en diferentes soportes, como Philip West traballa co concepto de territorio, que chega a converterse nunha temática reiterativa do seu discurso.
O espazo relacionase directamente coa idea de itinerario, que dalgún xeito reflicte o devagar vital dun artista que se autorepresenta na idea de camiño, como metáfora da súa morte prematura. O corpo preséntase como soporte da senda case tatuada, na cal as veas serven como estradas por onde transita a vida, e mesmo a propia morte.
Desta maneira xorde unha confrontación a modo de conflito, no que se loita por recuperar a forza perdida. Atopámonos diante dunha viaxe a unha cidade imaxinaria, o propio traxecto de West, o seu corpo, que debemos atravesar atacados por tormentas de ras que descenden do ceo trala caída dun meteorito, nunha sesión continua, coma se dun filme se tratara.