Home » Exposicións » (ALGUNHAS) MULLERES NA BIBLIOTECA E OS ARQUIVOS DE GRANELL

(ALGUNHAS) MULLERES NA BIBLIOTECA E OS ARQUIVOS DE GRANELL

20 abril – 26 xuño
Sala 4. Primeira planta

A exposición (Algunhas) mulleres na Biblioteca e os arquivos de Granell,  poderá visitarse na Sala 4 da primeira planta da Fundación Eugenio Granell, do 20 de abril até o 26 de xuño.
A mostra, comisariada por Natalia Fernández, directora da Fundación Eugenio Granell, coa axuda de María Pita, bibliotecaria da Fundación e o seu equipo de prácticas, composto por Iria Pérez, Nereida Prada e Korbinian Kollmeier, é o resultado dunha investigación sobre as mulleres, especialmente escritoras e artistas na Biblioteca e os arquivos de Granell.
Esta pequena selección de material do amplo legado da Biblioteca e os arquivos de Granell mostra as publicacións en Ediciós do Castro de Carmen Blanco, Victoria Armesto ou Isaura Varela, entre outras, situadas nunha vitrina que tamén rende unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo que foi amigo e membro do padroado da Fundación. 
O discurso expositivo discorre noutras dúas vitrinas, unha delas dedicada a mulleres surrealistas, onde encontramos á bailarina surrealista neoiorquina Alice Farley, da que tamén se mostra unha peza en vídeo; e a outra a mulleres escritoras, abarcando diversas temáticas como antropoloxía, surrealismo, Galicia, estudios de Miró, El Bosco ou Juan Gris, entre outros.
A exposición complétase con pezas de catro artistas, que pertencen aos fondos da Fundación, Maruja Mallo (España), Penélope Rosemont (EEUU), Susana Wald (Canadá) e Yolanda Tabanera (España), cada unha delas cun apartado documental, formado por libros, fotografías, catálogos ou folletos.