Home » Exposicións » JANICE HATHAWAY. FLUID SOLARIS

JANICE HATHAWAY. FLUID SOLARIS

26 maio – 10 xullo Sala Philip West. Primeira planta

Fluid Solaris  é o título da exposición de colaxes de Janice Hathaway que agora presentamos. Estas obras non teñen nada que ver coas colaxes de Amparo Segarra coas que estamos familiarizados. As de Amparo seguen a tradición de cortar e pegar. Eso si, cun grande sentido do espazo e da beleza das imaxes que lle gustaban e chamábanlle a atención e que primeiro elexía recortar ou despedazar para logo pegar.

As colaxes de Janice pódense encadrar dentro de "a gran compañía de aventureiros audaces de Hannah Hoch a Romare Bearden, de Max Ernst a Anne Ethuin, que fixeron da colaxe un dos mellores e máis seguros medios de descubrimento e transformación." (Franklin Rosemont). Nun importante estudio da colaxe, Sergio Lima (quen tamén mostrou a súa obra na Fundación Eugenio Granell), afirma que "a colaxe é un cortocircuito de diferentes imaxes".

A mesma artista nos di: "Quero que (as miñas colaxes) fomenten unha reflexión sobre a relación entre natureza e   cultura, traballo manual e tecnoloxía, o Marabilloso e o cotián". Sendo obviamente unha boa fotógrafa, Janice, por medio da dixitalización das fotos, crea imaxes novas e fantásticas que nos suxiren mundos do soño moi persoais.

Nesta exposición poderemos ver o espléndido uso que a artista fai da natureza. Varios dos títulos das súas obras levan nomes de Hawaii, país no que viviu durante vinte anos. A riqueza da súa natureza, o seu exoticismo e a exuberancia, obviamente influíron na opulencia das cores que se mostran nestas obras. Os vermellos, amarelos, azuis, verdes de diversos matices (como son os verdes do trópico), laranxas e   rosados. Todos brillan por si mesmos, ofrecéndonos unha visión ademais da obra mesma.

Como acostuma cos surrealistas, os títulos son unha parte importante da obra. A vida en Hawaii inspirou a creación de varios destes títulos. Un deles, co seu suxerinte significado, Mana Wa ("Agora é o momento do poder"); Kana'ohees o nome dun pobo en Oahu (onde se atopa Honolulu) e Ko'olaues o nome dunhas extensas montañas que están no parque Ho'omaluia. Outros títulos proveñen da literatura; Qu'il, por exemplo, o primeiro libro feito a man por Janice, procede dun verso do libro de poemas de Rimbaud, Unha tempada no inferno. Chandu, é o nome dun paxaro azul que vivía na casa de Franklin e Penelope Rosemont en Chicago e que frecuentemente saía da súa gaiola e voaba e vivía pola casa.

A obra Seasonal Solitude, segundo contou a propia Janice, comprende varias fotos entre elas o estanque da casa de Monet e un detalle máis de Hawaii. Os verdes desta obra emanan un brillo impresionante  e o caracol invítanos a entrar cautelosamente na obra por medio dese enigmático burato. Quizais a paisaxe urbana ao pé suxire onde podemos chegar. Dúas obras, entre moitas, nas que o vermello predomina resplandecente son Guardian e Essence. No primeiro a cor adquire unha forma compacta e a flor na segunda obra exponse ao mundo desinhibida; nin falar do amarelo brillante das súas follas e pedículo. Ámbalas dúas formas rodeadas de auga en movemento.
Natalia Fernández Segarra
Comisaria da mostra
Directora da Fundación Eugenio Granell