. Asociación Fonte da Virxe. “Ponte no meu lugar, conecta conmigo“
Inauguración 15 decembro, 18.30h. Permanecerá aberta ata o 19 de decembro
. Abrollarela. Talleres Creativos. Obradoiros de Nadal. Fábrica de agasallos en Granell
23, 29, 30 decembro
. Belén Surrealista. Colección Étnica Fundación Eugenio Granell
16 decembro, 15 – 10 xaneiro, 16
. XII Certamen de Arte Escolar Eugenio Granell. “20 soños de Granell”
NADAL NA FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL
A Fundación Eugenio Granell presenta unha programación especial neste Nadal 2015 para a celebración do seu 20 aniversario.
. Asociación Fonte da Virxe. Ponte no meu lugar, conecta conmigo.
Contaremos cunha nova mostra da Asociación Fonte da Virxe, Asociación coa que colaboramos dende o ano 2002.
A loita contra o estigma e discriminación das persoas con enfermidades mentais é o obxectivo principal desta exposición, que mostra a cidadanía o traballo que realizan estas persoas e o labor desenvolvido pola Asociación a prol de conseguir que este colectivo forme parte activa da sociedade. A recadación da venda dos traballos expostos destinarase á Asociación.
. Abrollarela. Talleres Creativos. Obradoiros de Nadal. A fábrica de agasallos en Granell
A Fábrica de Agasallos é un espazo onde as nenas e nenos poderán converterse en pequenos creadores, elaborando bonecos, faroliños, xoguetes
para agasallarse a si mesmos ou para agasallar aos seus nas datas de Nadal. Os participantes nos obradoiros poderán empaquetar os agasallos realizados e deseñar unha postal de felicitación que se incluirá nos mesmos.
Agasallos Solidarios. Os máis pequenos poderán traer xoguetes, libros ou outros agasallos en bo estado para doar a nenos/as de familias sen recursos.
Nº de participantes: 15 nenos/as por obradoiro.
Datas: 23, 29 e 30 de decembro
Horario: 11.30 a 13.30h / 17.30 a 19.30h
Idades: a partir de 5 anos.
Inscrición previa: abrollarela@yahoo.es (prazo de inscrición ata fin de prazas).
Prezo por Obradoiro: 13 / Prezo por dous Obradoiros: 22 / Prezo por tres Obradoiros: 30
. Belén Surrealista
Dende o 16 de decembro ata o 10 de xaneiro, poderá visitarse o Belén Surrealista na recepción do museo.
Unha proposta formada por pezas da Colección de Arte Étnica de Eugenio Granell. Moitas das pezas non teñen nada que ver coas tradicionais figuriñas do Belén, pois o propósito é darlle o toque surrealista representativo da Fundación; ofrecendo así un reflexo da multiculturalidade presente na traxectoria de Granell.
. XII Certame de Arte Escolar Eugenio Granell: “20 soños de Granell.
O Certame de Arte Escolar está dirixido ao alumnado con idades comprendidas entre os seis e os doce anos, ademais de contar cun premio especial para o alumnado entre tres e cinco anos. Esta convocatoria realizase en colaboración do Centro Comercial Área Central. A entrega de premios celebrarase na sede da Fundación, o 23 de decembro, ás 18.00 horas.
A finalidade do Certame, que vimos celebrando dende o ano 2004, é impulsar a creación plástica entre os escolares, polo que, ademais dos premios que conceda o xurado, a Fundación organiza unha exposición, do 23 de decembro de 2015 ao 10 de xaneiro de 2016, coas obras presentadas ao concurso. Esta mostra poderá visitarse tamén, do 13 ao 31 de xaneiro de 2016, no Centro Comercial Área Central. Este ano o Premio do público poderá votarse, na sede da Fundación Eugenio Granell e no Centro Comercial Área Central, ata que termine a mostra no dito Centro, o 31 de xaneiro. A entrega do premio realizarase no propio Centro Comercial.