
12 de noviembre, 2015 – 17 enero, 2016
Primeira planta
A Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 12 de novembro, ás 20:00h., a exposición Luis Seoane. Voar por riba dunha torre de marfil, que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro de 2016.
Con esta mostra, comisariada por David Barro e Carmela Montero, a Fundación Eugenio Granell, continúa a actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).
Esta exposición forma parte da colaboración establecida entre a Fundación Eugenio Granell e a Fundación Luis Seoane, completando un ciclo expositivo que fixo posible a realización da mostra Eugenio Granell. O regreso dos amantes, que se puido visitar o pasado verán na Fundación Luis Seoane.
Os comisarios artellan un percorrido expositivo baseado nas declaracións de Luis Seoane, quen afirmaba que o artista traballa na súa torre de marfil, lugar onde se escoitan ruidos, queixidos e cadeas de fantasmas. Nesta escoita, o artista rexeita o illamento que pode embargar ao home que crea e se crea a si mesmo no seu estudo, espazo físico, mental e ata espiritual de creación. Seoane, falando da súa época en Compostela, comentaba que non viviamos nunha torre de marfil, queriamos voar por riba dela, estar máis alto ca ela e ao mesmo tempo escavar os seus cimentos atopando tesouros intelectuais.
A aportación de Luis Seoane é fundamental para entender a arte e a cultura galega, de carácter poliédrico e infinita curiosidade, que derivaba nunha capacidade de traballo singular. Intelectual comprometido, emprende gran cantidade de proxectos colectivos, colaborando con Anxel Casal na Editorial Nós, e sempre aberto ás manifestacións culturais da súa época. Á expresividade da cor da súa pintura e á súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, únense técnicas como o gravado ou a pintura mural.
Destacamos a súa labor editorial, expresada desde a ilustración de libros, deseño de cubertas, impulsor de coleccións, diagramador de revistas e editor, xogando un papel fundamental no desenvolvemento do libro arxentino. No eido empresarial resulta determinante no renacer da fábrica de cerámica de Sargadelos, o Laboratorio de Formas de Galicia e a posta en marcha do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada.
O seu labor como xornalista radiofónico, poeta, narrador, escenógrafo, guionista ou teórico, xera importantes reflexións sobre a necesidade da integración das artes e a arquitectura, sobre cine ou fotografía, e a súa persoal visión sintética entre os movementos universais e o espírito de Galicia. Sempre dende o compromiso, dende unha actitude política e ética, compartida con outros artistas como Eugenio Granell ou Carlos Maside.


