Home » Exposicións » AMPARO SEGARRA. A CREADORA

AMPARO SEGARRA. A CREADORA

12 marzo – 21 xuño
Sala Amparo. Segunda planta

A exposición Amparo Segarra. La creadora  poderá visitarse ata o 21 de xuño na Sala Amparo da segunda planta do Museo Fundación Eugenio Granell.
Esta mostra, comisariada por Natalia Fernández Segarra, directora do Museo Fundación Granell, forma parte de dúas exposicións que indagan no traballo plástico e a traxectoria vital desta artista, na celebración do centenario do seu nacemento.
Amparo Segarra, compañeira inseparable de Granell, establecerá o seu discurso plástico, baseado na disciplina do colaxe, reflectindo dende diferentes ópticas a posición da muller ante o mundo que a rodea, incidindo en temáticas sociais e culturais, mostrándose a sí mesma a través da propia imaxe e o feito de xuntar imaxes e manipulalas, para denunciar a inxustiza e a desigualdade.
A exposición incide en dous períodos de creación: os anos cincuenta, cando a artista reside xunto a Granell en Porto Rico, onde inicia o seu traballo como creadora de colaxes, inicialmente en traballos conxuntos con Granell, e como actriz de teatro.
Amparo Segarra representou importantes papeis en diversas producións teatrais, entre eles o de Angustias en La Casa de Bernarda Alba, Maurya no drama de J.M. Synge Jinetes hacia el mar, a virtude en El hombre, la bestia y la virtud de L. Pirandello; e o de Señorita X en La más fuerte de A. Strindberg.
Outra etapa importante será anos máis tarde cando se traslada a Nova York, un período moi prolífico que continuará en Madrid ó regreso do exilio. A súa actividade teatral será moi activa na Gran Mazá, en Barnard College interpreta o papel de Laura na obra de J. Benavente, Los intereses creados, e a Ludgarda en El pobre Valbuena de C. Arniches e E. García Álvarez. En Middlebury College colabora en varias obras, destacando El landó de seis caballos, escrito por V. Ruíz Iriarte; ademais de encargarse da dirección da obra, interpreta a dona Adelita, cunha escenografía que creará Eugenio Granell.