Home » Actividades » Presentación PONTES CO DIAÑO

Presentación PONTES CO DIAÑO

Presentación do libro
“Pontes co diaño. Encontros con Eugenio Castro”
Mércores 25 febreiro
19.30h

O vindeiro mércores 25 de febreiro, ás 19:30h, no Museo Fundación Eugenio Granell, presentarase o novo libro do prestixioso autor galego Ignacio Castro, Pontes co diaño. Encontros con Ignacio Castro.
O acto será presentado pola profesora Eva Garea, o editor Pepe Arias e o autor.
As doce entrevistas de Pontes co diaño intérnanse en sendas pouco transitadas, percorrendo o noso imaxinario cotián, o universo dos afectos e a sexualidade, tamén o político, o social e o tecnolóxico.
Con tons e rexistros distintos, este libro insiste na necesidade de entrar nun feixe de relacións que nos asusta, ao outro lado da nosa tradición ilustrada, para que poidamos liberar o noso actual bloqueo mental e existencial.
Unha constante destas entrevistas é a crítica da nosa depresiva integridade cultural: escarvar nas relacións ocultas no universo do político, onde parecemos estar moi enfrontados ideoloxicamente, para desentrañar o firme pensamento unitario que nos retén, dificultándonos o recoñecemento do novo mundo que se abre baixo os nosos ollos.
Ignacio Castro Rey é filósofo, escritor e crítico de arte. Analista tamén da cultura e dos nosos costumes políticos, exercendo ocasionalmente de xestor cultural. Habitualmente escribe textos na súa web e na revista dixital fronterad. Desenvolve o seu labor filosófico nunha investigación sobre o presente que posúe dúas vertentes. Por unha parte, insiste nun absoluto existencial que carece da representación histórica e conceptual. Doutra, realiza unha crítica da violencia do poder contemporáneo, estas novas modalidades de odio que tinguen ocasionalmente a nosa cultura democrática. Aparte de múltiples artigos, Castro publicou os seguintes libros: Sociedad y barbarie (Barcelona, 2012), Roxe de sebes (A Coruña, 2011), Formas da indefinición (Rianxo, 2011), Votos de riqueza (Madrid, 2007), La depresión informativa (Bos Aires, 2011), Crítica de la razón sexual (Barcelona, 2002), La explotación de los cuerpos (Madrid, 2002) e Alén da fenda (Santiago, 1994).