
Inauguración exposición
Jueves 19 de febreiro
19.00h
O Museo Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 19 de febreiro, ás 19:00h., a exposición Miradas que Falan, do fotógrafo Esteban de la Iglesia, que poderá visitarse ata o 15 de marzo.
A exposición recolle unha serie de fotografías realizadas polo artista na residencia Pai Menni (Betanzos, A Coruña), que ofrece atención integral a persoas con discapacidade intelectual.
Nove actrices e actores galegos participaron de forma altruísta neste proxecto co que o Centro quixo sensibilizar e promover a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade.
Luis Zahera, Isabel Blanco, Camila Bossa, Víctor Mosqueira, César Goldi, Patricia Vázquez, Yolanda Muiños, Belén Constenla e Blanca Cendán, quixeron participar neste proxecto no que se confrontan 9 retratos de persoas con discapacidade intelectual, todos eles usuarios do Centro Pai Menni, cos destas actrices e actores.
Miradas que Falan exporase, do 18 ao 29 de maio, na Comarca do Sar, en colaboración coa Asociación de Pais e Mais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (AMIPA).
O Centro Pai Menni de Betanzos é unha institución sen ánimo de lucro que defende socialmente os dereitos das persoas con discapacidade, recordando á sociedade a súa existencia e reclamando unha xusta atención ás súas necesidades. Traballa para conseguir o financiamento necesario para lograr este fin, integrándose nos servizos sociosanitarios xerais, colaborando con outras institucións con fines similares e participando en ámbitos profesionais e asociativos nos que deba oírse a súa voz. Esteban de la Iglesia realizou estudos de fotografía na escola de Artes Mestre Mateo e é membro de la DIAPO fotografía. Realiza traballos en cine e televisión, entre os que destacan a miniserie Códice e a película Schimbare.


