Saltar ao contido
Home » Exposicións » AMPARO SEGARRA. CHEGAR ÁS MANS

AMPARO SEGARRA. CHEGAR ÁS MANS

    18 setembro, 2014 – xaneiro, 2015
    Sala Amparo. Segunda planta.  

    O Museo Fundación Eugenio Granell presenta  a exposición “Chegar ás mans” de Amparo Segarra que poderá visitarse na Sala Amparo da segunda planta do Museo ata finais de ano.
    Esta mostra completa unha serie de mostras que indagan no traballo dunha artista que estableceu o seu discurso, baseado formalmente na disciplina da colaxe. Un traballo que reflicte dende diferentes ópticas a posición da muller ante o mundo que a rodea, incidindo en temáticas sociais, mostrándose a si mesma a través da propia imaxe e o feito de recoller imaxes e manipulalas.
    Non é casualidade que a artista utilice unha técnica determinada, está ligada directamente coa costura, que practicaba de forma habitual, pero neste caso, o soporte enchese de seres, formas ou membros do corpo, que conforman un universo propio, cargado de humor, metáfora e ironía.
    A artista reaparece nesta exposición, onde o tema central son as mans, fraccionadas ou articuladas, rotas ou nun segundo termo como testemuñas dunha acción contraditoria, atadas ou arrancadas do propio corpo, deste xeito, Segarra utiliza as mans como un símbolo da súa personalidade creativa.
    As mans de Amparo simulan as mans libres das mulleres, as súas propias que manipulan o papel coas tesoiras, nun xogo case perverso que serve para mostrar o desequilibrio, e a súa visión persoal do mundo que viviu. A muller é o nexo común, creando xogos de enerxías e tensións a través das extremidades, reivindicando a liberdade a partires do xesto e non só dende a representación, senón o que a artista realiza á hora de recortar e compoñer a obra.