
22 xaneiro – 21 xuño
Sala Philip West. Primeira Planta
O Museo Fundación Eugenio Granell presenta a exposición Instinto animal de Philip West, que poderá visitarse a partir do 22 de xaneiro e permanerá aberta ata o 21 de xuño.
Con esta mostra, realizada con obras dos fondos do Museo, a Fundación Granell continúa a súa actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).
Revisar a obra de Philip West, supón un exercicio de complicidade co discurso vital do propio creador. O relato sérvese nun corto período de tempo, como unha película corta na que o principal protagonista é o artista camuflado, fundido en animais, polos que non sentía un especial aprecio.
Desta forma encontramos a un creador que se autorrepresenta nunha conciliación obrigada co medio, cunha necesidade imperante de reforzarse, coma se fose un animal que supera conflitos internos e sobre todo físicos.
Nesta aparente perda de esperanza o artista describe o seu propio corpo, mostrándose como entomólogo ou ornitólogo, nun xogo de autosuxestión que ofrece o pulo necesario para continuar.
Estamos, pois, ante unha manobra de metamorfosis, creada en conexión co medio, relacionada co ciclo vital dos seres que habitan o persoal universo do artista.
Cada membro do corpo dun animal forma parte do seu propio sistema inmunolóxico, funciona como un ritual de sanación, un intento de manterse vivo ante a hostilidade.
Esta mostra afonda no máis primixenio do creador, no instinto de supervivencia, na conversión forzosa á que se ve sometido pola súa propia vida. Philip cambia a súa apariencia humana para renacer nun acto poético, como un ente fusionado co natural, valente e atacante.
A auga e o sangue xogan no lenzo, como unha sentencia, da que só sobrevivirá o disfrace que serviu como escudo, pero que acaba como un resto de ter existido.