Home » Exposicións » DIÁLOGO: GRANELL E AS SÚAS COLECCIÓNS

DIÁLOGO: GRANELL E AS SÚAS COLECCIÓNS

6 febreiro, 2014 – 22 xaneiro, 2015
Salas 1,2,3. Segunda planta

Coñecemos innumerables fotografías de Granell na súa casa, rodeado non só das súas obras e das dos seus amigos, senón tamén dos obxectos das súas diversas coleccións. Estes obxectos, polo xeral, foron adquiridos nos lugares onde viviu ou nas cidades e nas vilas ás que viaxou.
Para esta exposición concentrámonos en tres coleccións en particular: paxaros/aves, cabezas de indio/máscaras e construcións /kachinas.
Cada unha das tres salas do Museo dedicadas a Granell representan unha destas coleccións.
Na Sala 1 da segunda planta, expoñemos os cadros de Granell dedicados ao Paxaro Pí, unha criatura inventada por Granell e ao que lle dedicou non soamente varios cadros, senón tamén un longo poema, O rito mecánico do Paxaro PíEl traje de fiesta del Pájaro Pí (1953) representa o personaxe ataviado en cores primarias moi rechamantes. É tamén un paxaro moi ben plantado na terra. Mentres tanto, El acoso del Pájaro Pí (1968) é unha ave violenta que ataca verbalmente dous seres á esquerda do cadro. O bocadillo co que ataca contén liñas vermellas ondulantes, unha cor que pon fincapé na violencia do diálogo. O amarelo predomina neste cadro, cun paxaro co peito enchido e punzante que tamén agride os dous seres.
Na parede do fondo, tres fotos tomadas en Percé polo artista: Gran sombra rocosa, Frontera volante e ¿Morsa ou roca? Outra foto anterior, de 1964, Pájaro guardián del Ágata gigante, foi tomada en Arizona durante a viaxe de Granell e Amparo, cando cruzaron o país dende Os Ánxeles a Nova York, despois de que concluíse a súa estancia de seis meses como profesor na Universidade de California.
No centro desta sala, sobre unha plataforma, móstranse varias construcións de Granell, como o Pájaro antiguo (creado en Madrid en 1990), Pájaro flor (creado nos anos sesenta para o que utilizou unha maraca, posiblemente de Guatemala) e El retorno de la paloma (creada na cidade de Nova York en 1982). De onde retorna a pomba? Estas creacións de Granell están acompañadas polo gran Porpionong o calao da Costa de Marfil. Incluímos igualmente diferentes figuras de paxaros de diversos países. Especialmente importantes son os dous pequenos da Illa de Percé, adquiridos por Granell e Amparo cando, en 1972, viaxaron en coche dende Nova York a esta illa de Canadá. Incluímos xoguetes con paxaros, un neno no seu berce adornado con paxaros de Estremoz, Portugal.
Sala 2. É sabido que a chegada de Granell en 1940 ao Novo Mundo, a República Dominicana, nun exilio que se alongou moitísimo, causou unha profunda impresión no violinista convertido en pintor. O colorido e os sons do trópico, e a luz máxica deses hemisferios, marcaron profundamente a visión dun novo artista renacido tras unha longa guerra e que pasara a súa nenez e a súa xuventude en Santiago de Compostela, unha bela cidade de pedra gris e chuvia frecuente. Unha cidade na que iniciou a súa vida como violinista, pero na que tamén a arte, a pintura, constituíu unha parte importante da súa formación. Neste novo lugar, Granell renace e convértese en pintor.
Cando Granell comezou a pintar na República Dominicana, pintou, entre outros temas, cabezas de indio nun país onde estes xa non existían, pero que atopou e cos que conviviu en Guatemala, a onde se trasladou a vivir en 1947. As cabezas de indio de Granell na Sala 2 confróntanse coas máscaras de coco da illa de Porto Rico. Estas máscaras de Loíza Aldea utilízanse nas festas municipais desta cidade dedicadas a Santiago Apóstolo. As cabezas de indio de Granell foron pintadas principalmente entre 1944 e 1945. Porén, Cabeza de guerrero indio é unha augada de 1949 creada en Guatemala de onde proveñen outras máscaras da colección.
No centro da sala, a construción Chamán (1989) dialoga co belísimo xugo de Porto Rico que Granell titulou Tótem.
Na Sala 3, existe outro diálogo, esta vez entre algunhas construcións de Granell con títulos xenéricos: El inventor (1988), Ídolo cordobés (1969), La viajera (1982) e as kachinas, deuses do panteón dos indios Zuñi e Hopi dos Estados Unidos, que representan as forzas da natureza (o sol, a chuvia, a auga), animais (aguia, bisonte) e plantas (o millo, o tabaco). Estes deuses protexen a comunidade e son venerados en festividades nas que as persoas se visten representando a kachina. Imaxino que o diálogo entre as construcións e as kachinas pode ser espiritual ou práctico, así como idealista ou realista. Un diálogo entre criaturas de madeira adornadas con belísimas cores e, de cando en vez, algo de metal, plumas, teas ou tecidos, obxectos de madeira ou de coiro.