Home » Exposicións » VÍCTOR LÓPEZ-RÚA. A INQUIETANTE BELEZA

VÍCTOR LÓPEZ-RÚA. A INQUIETANTE BELEZA

15 xaneiro – 5 abril, 2015
Primeira Planta. Salas 4 e 5

O Museo Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 15 de xaneiro, ás 20:00h., a exposición “A inquietante beleza” de Víctor López-Rúa, que poderá visitarse ata o 5 de abril.
Con esta mostra o Museo Fundación Granell, inicia a actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).
A exposición componse de traballos realizados nos últimos tres anos. A pintura figurativa é a base do traballo plástico, onde o creador introdúcenos nun universo cheo de incógnitas, unha representación inquietante sen inicio e con finais abertos.
O artista xoga dende unha linguaxe persoal e introspectiva con instantáneas que se sitúan sempre no mesmo lugar. Un espazo idílico, reflexo do benestar, onde habitan personaxes que esconden aparentes dramas, deixando entrever unha sorte de traxedias nas accións que realizan.
A obra posúe un nexo oculto, a beleza do entorno e a violencia latente. Un escenario preparado para atrapar ao público que se implica nun xogo problemático de amor e morte.
A proposta complétase cunha instalación estereoscópica, outro xogo de miradas relacionado coa arte e a técnica.

López-Rúa inicia a súa traxectoria artística a comezos dos anos 90, formase na Academia Lorenzo de Medici de Florencia e co Pintor Nino La Barbera en Roma. Realiza numerosas exposicións, destacando as de Casa de América en Madrid (1999), Galería Sen Madrid (2009), Sala exposicións El Águila, Madrid, Casa da Parra, Santiago DC., Museo de Arte Moderno de Santo Domingo (R.D.), Centro León. A súa obra forma parte de importantes coleccións públicas e privadas.