Home » Exposicións » FERNANDO RIVEIRO. EL SUELO DEL AZAR

FERNANDO RIVEIRO. EL SUELO DEL AZAR

16 outubro, 2014 – 11 xaneiro, 2015
Salas 4 e 5. Primeira planta

Fernando Riveiro é un artista autodidacta que inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Caracterízase por moverse a marxe dos circuítos convencionais. As súas obras, principalmente pinturas, collages e esculturas, son afrontadas como unha ensamblaxe a través de diferentes elementos e soportes.
Relacionado directamente co surrealismo e “o obxecto atopado”, o artista crea as súas obras a partires de elementos aos que non oculta a súa forma nin o seu significado, intervindo sobre eles total ou parcialmente, cunha intención artística, para crear diferentes xogos co público. O seu proxecto basease na idea da busca e o encontro, xeralmente en espazos inusuais, zonas industriais ou espazos de tránsito. O azar funciona como eixe artellador do discurso, e o chan como campo de traballo e experimentación.
Fernando Riveiro conta cunha longa traxectoria expositiva, destacando os anos 90 como a súa época mais activa a nivel expositivo, onde participa en diferentes certames e exposicións entre as que destacamos, Galería Sementeira en Noia, VI Mostra Unión Fenosa, Galería Sargadelos en Santiago de Compostela, Galería Androx en Vigo, II Salón de Outono de Pintura na Real Academia de Belas Artes, Fundación Araguaney, Sala de Exposicións Banco Hispano 20, Sala do Real Aeroclub de Santiago de Compostela, entre outras.

“Grazas ao Museo Fundación Eugenio Granell foi posible este proxecto virtual: unha exposición colectiva dos seus visitantes espectadores, pero agora tamén participantes, a través dun xesto artístico propio, ao manipular os elementos que se lle ofrecen desde o chan das salas 4 e 5.
Estas realizacións demostran potenciais de sensibilidade, de creatividade; valor para presentalas e o convencimiento de que o que tiñan que facer é o que xamais fixeran nunha exposición: descubrir a súa enerxía xeradora e unipersoal para intentar a arte”. Fernando Riveiro

“A arte, toda a arte é inútil, innecesaria. Pero ten sentido: cáusanos pracer. Convídote a descubrilo coa túa obra:
Xoga con estes elementos (IMAXE 1, IMAXE 2, IMAXE 3) do chan e atopa combinacións, formas, etc.
Saca fotografías do resultado final, para mostralas nunha exposición colectiva virtual”. Fernando Riveiro

Envía as túas fotos a este correo electrónico: elsuelodelazar@gmail.com