Home » Exposicións » Carlos AG. ARMAS DE DIVERSIÓN MASIVA

Carlos AG. ARMAS DE DIVERSIÓN MASIVA

23 outubro, 2014 – 18 xaneiro, 2015
Sala Philip West. Primeira planta

O Museo Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro xoves 23 de outubro, ás 20:00h., a exposición Armas de diversión masiva do artista Carlos AG, que poderá visitarse ata o 18 de xaneiro de 2015.
Como xa ven sendo habitual, o Museo Fundación Eugenio Granell, segue na súa labor de apoio e dinamización da arte galega, neste caso, cunha mostra dun artista que reflexiona, sobre a vida e a obra de Granell.
A mostra xira en torno a unha instalación central, que continúa a liña xa iniciada en pezas anteriores, pero que neste caso, incorpora o movemento, como nova aportación á propia obra. Esta peza ten como trasfondo as peripecias vividas por Granell no período da Guerra civil e o exilio, así como o espírito revolucionario e a súa afiliación ao POUM.
Por outra parte Carlos AG, crea un vínculo entre a súa obra e as construcións verticais de Granell, a modo de figuras policromadas. A exposición completase con obras en diferentes soportes e formatos, todas elas cun nexo común: “A miña inspiración ven dos medios de comunicación, do cinema, da miña experiencia persoal e sobre todo do entorno urbano. Exploro o mundo da infancia e traballo a través do imaxinario infantil para falar da violencia, o poder ou a desigualdade desde un punto crítico e irónico”.
Carlos AG é licenciado en Belas Artes pola facultade de Belas Artes de Pontevedra, entre as súas mostras individuais destacamos Recién Pintado no Centro de Arte Tomás y Valiente CEART de Fuenlabrada (Madrid), e tamén na Casa da Xuventude de Vigo . Ten participado en numerosas exposicións colectivas como Veraneantes no MARCO de Vigo, Art Xove 2012 en Pontedeume (A Coruña), Emergentes na Galería ABOUT ART de Pontevedra, Sétimo Premio Auditorio de Galicia para novos artistas 2011 en Santiago de Compostela (A Coruña), IX Premio de Pintura Universidade de Vigo, Novos valores 2011 ou Página 10 na Galería Sargadelos de Pontevedra.