Home » Actividades » A MIÑA PEZA FAVORITA

A MIÑA PEZA FAVORITA

Martes 30 setembro
20.00h
Intervén: Xosé Lois Gutiérrez

O próximo martes 30 de setembro, ás 20:00 h, no Museo Fundación Eugenio Granell terá lugar unha nova edición da actividade “A miña peza favorita”, a cargo de Xosé Lois Gutiérrez, quen comentará a obra de Eugenio Granell El ojo del fuego, producida en 1952. Esta actividade iniciouse en 1997, e consiste en seleccionar unha peza de entre todas as que se atopan nas Coleccións do Museo Fundación Eugenio Granell, para que o convidado elabore un comentario persoal cunha nova visión dende unha perspectiva actual. Trátase dunha proposta aberta a calquera persoa interesada tanto no Museo Fundación, como na arte ou na figura de Eugenio Granell, contando tamén coa participación de persoas relacionadas con diferentes ámbitos coma a arte, a educación, a comunicación, etc.
Xosé Lois Gutiérrez (Lalín, 1976) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (1995 – 1999) e ten un Doutorado en Historia da Arte Contemporánea pola UNED. É escritor, fotógrafo e crítico. Colaborou en distintas plataformas de crítica de arte tanto na web, comoSitioweb, Artszin e SalonKritik, entre outras, como na prensa escrita: Revista das Letras, Protexta, ArtNotes, Neo2, etc. Destacamos outras publicacións como “En Tempo Real. A Arte mentres ten lugar” (con Pedro de Llano Neira) e numerosos textos en catálogos de arte. Realizou tamén mostras e edicións dos seus traballos no campo da fotografía. Na actualidade, exerce como profesor de ensino secundario e traballa en varios proxectos fotográficos.