
Inauguración martes 16 setembro
Sala Didáctica del Museo
A exposición permanecerá aberta ata o 21 de setembro
Outono Códax Festival no Museo Fundación Eugenio Granell
Fausto Isorna inaugura, o martes 16 de setembro, no marco do Outono Códax Festival, unha mostra inédita coa súa faceta máis pop A exposición POPtraits /Rock Parrulo inclúe unha serie de retratos de músicos pop, rock e soul (Poptraits) e unha retrospectiva sobre a obra do creador realizada a mediados dos 90 para as xa míticas actividades da Sala Nasa (Rock Parrulo). A mostra permanecerá aberta ata o próximo 20 de outubro.
O festival patrocinado por Martín Códax e que tamén conta coa colaboración de Pousadas de Compostela, Estrella Galicia e Merc da así o pistoletazo de saída á súa 4ª edición, que arrancou o sábado 20 de setembro na compostelá Sala Capitol.
POPtraits /Rock Parrulo recolle unha dobre aproximación á faceta creativa de Fausto máis vinculada ao ámbito musical. Por unha banda, POPtraits inclúe unha serie de retratos de músicos pop, rock e soul, elaborados cunha linguaxe eminentemente pop e con ilustracións realizadas en collages, que son presentadas en formato de carátula de vinilos. Xunto a esta visión sobre o traballo actual do creador dentro do campo da ilustración, Rock Parrulo ofrece en paralelo unha selección de traballos realizados a mediados da década dos 90 para as xa míticas actividades da Sala Nasa que, a través da iniciativa que levaba dita denominación (Rock Parrulo), contribuíron notablemente á promoción dos novos grupos de pop e rock do momento. Deste xeito, a mostra permitirá contemplar a colección de singles e os fanzines, así como outros traballos paralelos de Fausto para a Nasa ou para grupos como Nicho Barullo.
Con máis de 25 anos de carreira ás súas costas e unha das traxectorias máis recoñecidas no seu ámbito, Fausto Isorna segue autodefiníndose como ilustrador, autor de historietas e deseñador gráfico. No cómic comezou a súa actividade vinculado ao underground galego dos anos 80, sendo fundador e director de revistas xa históricas como Valiundiez e Das Capital. Posteriormente creou personaxes como Simón Martel, do que se teñen publicado seis libros, e Golfiño, que serviu de cabeceira para a revista de cómic comercial máis exitosa da historieta galega, con tiradas de ata 150.000 exemplares. Como deseñador gráfico desenvolveu unha extensa actividade profesional centrada, sobre todo, nos campos da edición e o cartelismo e, na actualidade, é director de arte do seu estudio de deseño, Fausto Deseño Asociados, e de El Patito Editorial, editorial especializada no libro ilustrado.


