Home » Exposicións » MASAFUMI YAMAMOTO. TRANSCURSO, LIBROS DE ARTISTA

MASAFUMI YAMAMOTO. TRANSCURSO, LIBROS DE ARTISTA

27 marzo-15 xuño
Salas 4,5. Primeira planta

A exposición “Transcurso, libros de artista” de Masafumi Yamamoto poderá visitarse na primeira planta do Museo Fundación Eugenio Granell do 27 de marzo ao 15 de xuño de 2014.
O artista xaponés, afincado en Barcelona, Masafumi Yamamoto móstranos unha das súas principais liñas de traballo que consiste en explorar as distintas formas de relación entre a súa obra plástica e a poesía. Yamamoto establece un diálogo e unha colaboración cun grupo de poetas, entre os que se atopan, Alfredo Silva Estrada, Joan Brossa, Pere Gimferrer, Eva Veiga, Luís García Montero, Felipe Benítez Reyes, Yves Bonnefoy, Kazunari Suzumura, Michel Butor y Vahé Godel.
A exposición “Transcurso, libros de artista” presenta a serie Minilibros na sala 4 da primeira planta do Museo. É unha serie de doce minilibros formados por unha secuencia despregada de seis colaxes orixinais de Yamamoto e unha poesía inédita manuscrita por cada poeta no seu idioma orixinal.
A mostra complétase, na sala 5, cunha selección de libros editados polo artista en seis idiomas, castelán, catalán, galego, euskera, francés e xaponés, poñendo de manifesto outro dos aspectos que lle interesan particularmente, valorar os idiomas, as súas particularidades e a súa plasticidade. Yamamoto destaca tamén as diferentes variedades idiomáticas tan particulares que conviven en España. Todos os libros son exemplares únicos e compostos de textos inéditos.
Masafumi Yamamoto, nace en 1947 en Yamanashi, Xapón. É licenciado en Arquitectura na Chiba Institute of Technology. Estudou Litografía e Gravado na Escola de Artes e Oficios Aplicados de Barcelona, onde reside desde os anos 70. Gravador, pintor e escultor, coa natureza e o paso do tempo como argumentos principais da súa obra, o artista establece unha relación cada vez máis estreita coa literatura e a técnica do gravado, tan característica da cultura xaponesa.