Home » Actividades » CINE DE EUGENIO GRANELL

CINE DE EUGENIO GRANELL

EUGENIO GRANELL NO EXPERIMENTS IN CINEMA DE ALBUQUERQUE, NOVO MÉXICO

O vindeiro 17 de abril o Basement Film’s Experiments xunto con Antoni Pinent, a través do Instituto Cervantes, organiza unha proxección de películas dentro da programación do “Experiments in cinema” de Albuquerque, Novo México, baixo o título “Cameraless Films. Made in Spain”. Entre as cintas seleccionadas atópase “Lluvia” de Eugenio Granell.
“Lluvia” é unha das tres películas experimentais de Eugenio Granell, realizada en Nova York en 1961. O título remite metaforicamente á realidade inmediata das paisaxes invernais neoiorquinas e ás “paisaxes máxicas” que Eugenio Granell crea entre 1957 e 1967.
“Cameraless Films. Made in Spain” reúne unha serie de películas cuxo nexo común é a técnica do cinema sen cámara, pero aplicada a distintos aspectos como ao son, ao ritmo da imaxe ou ao uso da tecnoloxía dixital. A base destas cintas abarca case tódolos formatos cinematográficos: 8mm, súper 8, 16mm, 35mm e o 70mm.
“Experiments in Cinema” é unha celebración anual sobre a experimentación fílmica internacional. O evento vense celebrando dende 2006 e téñense proxectado películas dos artistas máis recoñecidos dentro do cinema experimental, seleccionadas por algúns dos maiores expertos neste xénero independente.
Antoni Pinent (Lleida, 1975) é comisario independente de arte contemporánea, film curator e cineasta experimental. Foi o creador e responsable da sección de “Cinema Invisible” na programación estable de Xcèntric Centre de Cultura Contemporánea de Barcelona entre 2004 e 2009. Comisario da mostra “del éxtasis al arrebato”, retrospectiva do cinema experimental español que se exhibiu nos museos máis importantes do mundo e en cuxa mostra participou Eugenio Granell. Tamén é director, coordinador e profesor de cursos especializados en torno á arte contemporánea.