Home » Exposicións » PHILIP WEST: CASAS CAMUFLADAS

PHILIP WEST: CASAS CAMUFLADAS

30 xaneiro -15 xuño
Sala Philip West. Primeira planta

O vindeiro xoves 30 de xaneiro, o Museo Fundación Eugenio Granell presenta a exposición “Casas camufladas” do artista surrealista Philip West, comisariada por Eduardo Valiña. A apertura desta mostra pertencente aos fondos do Museo, será ás 11:00 h. e poderá visitarse ata o 4 de maio do 2014.
A exposición, ubicada no primeiro andar, na sala Philip West, achéganos ao mundo interior do artista que a través dunha serie de figuras presentadas a modo de ventá, permítenos “asomarnos” ao eu interno do autor. Este articula un espazo privado, o corpo-casa que serve de diálogo entre o artista e o espectador, e que funciona de colector para a alma e o espírito, que en ocasións presenta unha casa perfectamente conservada e outras en estado ruinoso. Únense as distancias entre dous mundos: o mundo interno e persoal e o externo, achégase ao mínimo e á inmensidade, creando algo novo coas ideas que chegan do mundo inconsciente e subxetivo.
Deste xeito, Philip West móstranos unha imaxe introspectiva, sacando o máximo partido ao mundo mínimo e íntimo da vivenda como recunchos e pechaduras, tendo como elemento base o sono. Mediante distintos planos que subdividen a obra horizontal e verticalmente, preséntanse espazos interiores cheos de lembranzas, casas que serven como metáfora poética dun caixón onde a memoria permanece e aviva o inconsciente.
No interior destas casas, as veces agochadas e ocultas, suceden accións que repletas de significados e simboloxía, teñen moito que ver co mundo da intimidade e a hixiene persoal, mundo que se oculta intramuros cun elemento simbólico fundamental, a auga, algo que se mostra destacado noutras obras do artista. Preséntanse espazos para as paixóns e o sexo, dentro dun binomio que Philip West relaciona directamente e presenta unido: o amor e a morte.