Home » Actividades » A MIÑA PEZA FAVORITA

A MIÑA PEZA FAVORITA

Mércores 11 decembro
20.00h
Intervén: Miguel Vázquez Freire
“Las sirenas heridas” da Colección Eugenio Granell

Mañá, mércores 11 de decembro ás 20:00h, no Museo Fundación Eugenio Granell terá lugar unha nova edición da actividade “A miña peza favorita”, a cargo, nesta ocasión, de Miguel Vázquez Freire. A peza escollida para comentar será: “Las sirenas heridas” pertencente á colección Eugenio Granell.
Esta actividade consiste en elaborar un comentario persoal onde se lle atribúa unha nova visión dende unha perspectiva actual, a obra seleccionada previamente das que conforman as coleccións do Museo Fundación Eugenio Granell. Unha proposta aberta a calquera persoa interesada tanto no Museo Fundación como na arte ou na figura de Eugenio Granell e o seu entorno.

Miguel Vázquez Freire é profesor de Filosofía no IES Eduardo Pondal de Santiago, e colaborador como crítico de literatura infantil en numerosas publicacións. Foi director da revista infantil “Golfiño” e codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia. Co-autor dos materiais educativos de Filosofía de Xerais (1990-2008) como membro do grupo de Didáctica da Filosofía Enxergo. Promotor de «Pé de Imaxe» e de Nova Escola Galega. Como narrador publicou o libro de relatos «Galería de esquecidos de Feliciano Lobelos» (Xerais 1993), ademais das novelas dirixidas ao público xuvenil e adolescente, traducidas na súa maior parte ás linguas peninsulares: «Proxecto pomba dourada» (1987, Xerais 2000); «A malvada María Xosé» (Xerais 1989); e «Anxos en tempos de chuvia» (Xerais 1997), Lista de Honra do IBBY 1999. Para o público infantil publicou: «As aventuras do Gato Bógar» (Xerais 1989); «O rapaz que non quería ser heroe nin sabía dicir amor», conto incluído no volume «Contos da campaña 3» (1992); «A cor do elefante» (1994); a peza teatral, en colaboración con Gloria Sánchez, «A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos» (Xerais 1995), «A primeira máquina de fotos» (1998), «O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos» (1998), «Contos de Reis e de Nadal» (Xerais 2007) e «O souto escuro e perigoso» (Xerais 2011). Como especialista en didáctica da filosofía ten publicado: «Nietzsche» (Xerais 1990); «Iniciación á Estética» (Xerais 1993); «Política e Sociedade» (Xerais 1993); «Mandar, obedecer, rebelarse» (Xerais 1996), ademais de realizar a tradución para o galego da obra de R. Descartes «O discurso do método» (Xerais 2000).