Home » Exposicións » EL PERFIL ROTO

EL PERFIL ROTO

20 xuño – 20 setembro
Sala Amparo. Segunda planta

A exposición “EL PERFIL ROTO”, que se amosa na Sala Amparo da segunda planta do Museo presenta unha selección de fotografías realizadas por diferentes artistas, ou persoas do entorno de Eugenio Granell e Amparo Segarra.
Os fondos do Museo Fundación Eugenio Granell contan cun importante arquivo fotográfico. Son moitos os artistas que, ó longo dos anos, fascinados polas figuras de Eugenio Granell e Amparo Segarra cultivaron a técnica do retrato que se amosa nesta proposta, conformada por obras que van dende os anos 40 ata a actualidade.
Non se trata só de amosar obras de artistas recoñecidos como Rogelio Allepuz o Ricardo Martín, aínda que sexan abondosas e significativas, tamén cabe subliñar a importancia das fotografías familiares ou outras realizadas por amigos e coñecidos como Álvaro Delgado, Antonio Gómez, Peter Tambone, que presentan ao Granell máis próximo.
Nesta ocasión o percorrido vai dende o espazo doméstico, que xorde coma unha sorte de viaxe polos diferentes lugares de habitación, ata o personaxe público captado por unha rica e ampla variedade de visións persoais.
Neste contexto debemos ter en conta as achegas de moitos creadores que, xa dende os anos corenta colaboran con Granell en producións que servirán coma base de estudo do universo surrealista do artista, sendo este o caso de Conrado (Dr. Kurt Schnitzler) ou de outros recoñecidos artistas contemporáneos coma Manuel Vilariño ou Xoán Crespo.
A exposición, polo tanto, supón un percorrido pola vida do artista, mostrando imaxes que en moitas ocasións quedaron relegadas ao arquivo persoal de Granell.