Home » Exposicións » XOÁN ANLEO. Desorde

XOÁN ANLEO. Desorde

20 xuño – 20 setembro
Sala 1. Segunda planta

O título deste proxecto realizado para o Museo – Fundación Eugenio Granell alude a noción de desenlace, de perda, de desencontros persoais e os cambios posteriores e novas experiencias. Para expresar isto utiliza a alegoría da ruina, dos lugares abandonados, do distanciamento do espazo e dos proxectos inacabados.
O artista realiza unha investigación da cidade e dos seus vestixios, dos edificios descoidados a súa sorte, en constante transformación. Utiliza os descampados como narración dunha gran panorámica, onde a sutileza dos matices confire o protagonismo á natureza. Para elo elabora unha catalogación destes lugares, con imaxes acompañadas de textos, de reflexións e ambientadas coa composición de música orixinal para unha videoinstalación, onde conta coa colaboración do artista sonoro Xoán –Xil.
Este proxecto, comisariado por Edu Valiña, contou co apoio de diferentes colaboradores, como a comisaria Susana Blas, especialista en videoarte e redactora do programa de TVE “Metrópolis” e o comisario e escritor independente Manuel Segade. Para esta ocasión, Anleo produce un libro de artista que se compón de diferentes edicións limitadas de carteis, realizados co apoio de Idear Comunicación Visual.

Xoán Anleo, Doutor en Belas Artes pola UCLM e profesor da Universidade de Vigo. Realizou exposicións individuais en diferentes centros de arte nacionais e internacionais. A súa obra forma parte das coleccións de arte contemporáneo máis importantes do noso país. O proxecto artístico de Xoán Anleo xerou novas linguaxes na plástica que abren novas vías de traballo, anteriormente inexploradas nas prácticas artísticas galegas.
O seu traballo actual aborda os procesos relacionados coas políticas da representación, a produción de subxectividade e os procesos de significación entendidos como modalidades de subxectivación e deconstrución das identidades. Está interesado nas nocións de experiencia de traslado, viaxe e residencia como forma de reflexión sobre a memoria e historia do lugar nun contexto e conxuntura específica. Así como dos límites da temporalidade e as relacións entre espazo / tempo e lugar transformados en métodos de análise e crítica do presente. Aproximándose ao alegórico, en ocasións a través de imaxes conxeladas, aparentemente paralizadas para xerar mecanismos que formulen intervalos, superposicións, reiteracións ou repeticións. Leva a cabo o seu traballo mediante film / vídeo, fotografía, instalacións, texto, danza, audio e edición de publicacións tan diversas como múltiples: libros de artista, tarxetas ou carteis.