
21 febreiro – 26 maio, 2013
Primeira planta. Salas 4-5
A exposición Retorno ao salvaxe, realizada coa colaboración da Fundación Cupertino de Miranda, Famaliçao, Portugal, mostra varias das series de deseños, colaxes e debuxos do artista brasileiro Sergio Lima. Series que teñen como denominador común o corpo que nos remite inevitablemente a un erotismo mostrado na súa beleza superficial, na súa referencia simbólica, no seu poder xenésico e profético ademais de na súa esencial vontade transgresora que se atopa tamén presente na obra poética do artista.
Sergio Lima (Pirassununga, Brasil, 1939), doutor en Letras Brasileiras e profesor universitario é considerado o maior especialista en surrealismo do Brasil e os seus escritos constitúen un referente no ámbito do surrealismo internacional. Artista polifacético que desenvolveu a súa actividade no campo da poesía, do ensaio e da investigación, das artes plásticas e do cine. Nas súas facetas de historiador, crítico e ensaista, Lima conta con colaboracións para publicacións colectivas coma Surrealismo no Brasil: mestiçagem e sequestros e revistas coma Agulha, Punto Seguido e Escrituras Surrealistas, entre outras. Foi incluido ademáis na antoloxía Surrealismo e Novo Mundo, formada por destacados creadores surrealistas de distintas xeracións e orixes.