Home » Actividades » Presentación Libro-disco “Miniaturas de Eugenio Granell: Música revelada”

Presentación Libro-disco “Miniaturas de Eugenio Granell: Música revelada”

Mércores 28 novembro
19.30h

Este acto estará presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria D. Xesús Vazquez Abad, o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, D. Anxo Lorenzo, o Concelleiro de Participación Cidadá, Centros Socioculturais, Festas e Relacións Institucionais do Concello de Santiago e membro do Padroado da Fundación Eugenio Granell, D. Francisco Noya Iglesias, o director do Proxecto “Miniaturas de Eugenio Granell: música revelada” D. Ramom Pinheiro Almuinha, e un representante da Fundación Eugenio Granell.
Eugenio Granell coñecido universalmente pola súa obra plástica surrealista, e recoñecido polos seus traballos como escritor, cineasta e dramaturgo, destacou tamén pola súa faceta musical, chegando a ser un reputado intérprete (1º violín da Sinfónica de Santo Domingo) e coñecedor da linguaxe musical clásica. O artista galego deixou diversos manuscritos con melodías nas que se recoñece a inspiración das formas populares da música galega ademais de ideas musicais propias. Aproveitando esta efeméride, a Fundación Eugenio Granell en parcería coa aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, e co financiamento da Fundación Cidade da Cultura e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, sacará á luz estes apuntamentos, e achégaranos os sons de Granell a través do estudo da Doutora Sonsoles Hernández Bar­bosa (Vigo, 1981), profesora da Universidade das Illas Baleares e premio de Ensaio Damaso Alonso na contextualización histórica e crítica artística en cola­boración con Benxamín Otero (Lalín, 1979) na edición, transcripción e análise musical das partituras. Tamén se publicará, xunto a isto, un disco baixo a dirección musical do pianista cubano Alejandro Vargas, cun elenco de escollidos músicos que toman eses apuntamentos de Granell para construír unha nova dimensión musical. O CD gravouse -ao vivo- a principios de outubro no Auditorio de Ourense, co estudio móbil da Radio Galega e con Pablo Barreiro coma técnico de son.

A presentación mundial do proxecto darase a coñecer nun concerto especial na Cidade da Cultura, coincidindo coa clausura da exposición adicada a Eugenio Granell no Arquivo de Galicia, o vindeiro domingo 2 de decembro. O cuarteto fundamental, estará formado por Alejandro Vargas (piano), acompañado dos artistas José Manuel Díaz (contrabaixo), LAR Legido (batería) e Mónica de Nut (voz), e arroupado polos colaboradores que gravaron o disco como Edelmiro Fernández (gaita), Germán Díaz (zanfona) e María José Pampano (viola).