Home » Actividades » MARATÓN DE LECTURA

MARATÓN DE LECTURA

Mércores 30 de maio
11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas
“Contos e outras invencións de Eugenio Granell”

Un ano máis a Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura seguindo co seu obxectivo de apoio e promoción da literatura.
Este ano, tan especial, coa celebración do centenario do natalicio de Eugenio Granell dedicaremos o maratón ao noso polifacético artista destacando outra das súas facetas literarias. Baixo o título “Contos e outras invencións de Eugenio Granell” daremos a coñecer non só os seus contos e pequenos relatos, senón tamén o seu traballo en multitude de publicacións periódicas, con artigos nos que plasma as súas impresións cotiás e os seus pensamentos, reflexións e opinións sobre os máis diversos temas. Unha mostra máis do mundo creativo de Eugenio Granell onde mistura imaxinación, reflexión e o seu característico sentido do humor.
O mércores 30 de maio quen queira, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, poderá achegarse á Fundación a escoitar ou a participar lendo algúns fragmentos dos escritos seleccionados de Eugenio Granell. Para facer máis doada a organización do acto, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao enderezo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.
Queremos aproveitar esta ocasión para agradecer unha vez máis a vosa participación nos maratóns de anos anteriores, e animarvos a intervir un ano mais.