
3 novembro, ás 20.00 horas
Entrada 6 (para apoiar á Fundación Eugenio Granell)
O xoves, 3 de novembro, ás 20.00 horas a Fundación Eugenio Granell organiza o happening A Granel con motivo de recadar fondos para a institución nestes tempos difíciles; unha proposta do artista plástico e Premio Nacional a la Moda de Jóvenes Diseñadores Españoles, Jandro Villa.
A Granel rende homenaxe ao surrealismo non só polos camiños abertos á arte futura mediante as súas producións, senón mesmo polo especial xeito de presentalas, establecendo novas formas de comunicación entre obra e espectador. A relación, que adoita ser paradóxica na arte contemporánea entre obra e espectador constitúe un aspecto fundamental e mesmo unha constante na obra de Jandro Villa, como as citas a correntes de arte contemporánea que teñen como base o corpo humano: a permorfance e o body art.
Villa, formado en artes plásticas e en deseño de moda, crea pezas que interveñen todo o espazo visual, sonoro e físico do espectador. Nesta ocasión crea unha peza inspirada tanto no surrealismo como na obra de Eugenio Granell, así coma no mesmo Pazo de Bendaña. En definitiva, a Fundación ofrece unha oportunidade de re-visitar a obra de Granell dun modo insólito.


